¿Quén somos?


NovaLuce está constituído por un grupo de universitarios que, desde diferentes posicións e circunstancias, cremos nun proxecto de futuro para a UDC e o estamos realizando coa ilusión e a axuda de toda a comunidade universitaria.
Reafirmámonos no respecto e na defensa da pluralidade. A partir dese respecto, estamos comprometidos en construír e manter unha universidade para todos e para todas, sen exclusións, onde se garanta a presenza efectiva das minorías nos órganos de representación, onde non se dilapide ningún esforzo, veña de onde veña. Cremos nun goberno, como o actual, que constrúa entre todos e para todos.
A transparencia na xestión é un compromiso que aplicamos e mantemos. Para que unha institución pública como a universidade sexa transparente, cómpre a existencia e o respecto de normas que regulen os seus actos, sexa nos procesos de cualificación, sexa nos concursos de asignación de axudas ou de contratación, sen arbitrariedades.
As novas necesidades sociais de formación e o contexto competitivo entre institucións de educación superior demandan de nós un compromiso firme coa calidade. Construírmos para a Universidade da Coruña unha oferta diferenciada de alta calidade é tarefa na que debemos implicarnos non só os universitarios, mais tamén os organismos públicos e o tecido socio-económico da nosa área de influencia xeográfica.
O obxectivo é converter a Universidade da Coruña nunha institución atractiva para formarse, para traballar e para vivir. Unha institución que debe ofrecer á comunidade universitaria os servizos precisos para desenvolver a súa actividade cotiá, que debe respectar e promover o respecto ao medio ambiente, que ten a obriga ética de comprometerse na defensa dos valores da xustiza e da solidariedade.
Se hai algo que reclama a nosa atención no contexto inmediato é a participación na construción da Europa do coñecemento, o Espazo Europeo de Educación Superior. Na Universidade da Coruña temos que seguir avanzado decididamente nesa dirección e temos que facelo poñendo en xogo todas as nosas capacidades, sen esquecer ou aminorar ningunha, e con sensibilidade para acadar as mellores condicións para o profesorado e para o alumnado.
NovaLuce pretende facer posible a mellora e a actualización continua da nosa Universidade. Coa colaboración e coa ilusión de todas as persoas que xuntas traballamos pola Universidade da Coruña do futuro.