22 jun 2011

Candidatura de NOVA LUCE á Reitoría da UDC

O profesor Xosé Luís Armesto Barbeito, catedrático de Química Física, encabezará a candidatura á reitoría por Nova Luce. O profesor Armesto, na aceptación da designación ante a asemblea de Nova Luce, salientou o seu compromiso cos principios da universidade pública, galega e de calidade, lema de Nova Luce nas últimas eleccións a Reitor, e a súa determinación para que a Universidade da Coruña continúe avanzando e innovando dentro da transparencia, do diálogo e da participación que caracterizaron os últimos anos.

"Sermos eficientes e competitivos mediante a a cooperación dentro e fóra do sistema universitario galego, co impulso á agregación e á internacionalización, é a mellor forma de defender o servizo público de educación superior."

A candidatura de Nova Luce ofrecerá unha proposta integradora á que se poidan sumar cantas persoas concorden con este modelo de universidade.

Breve Curriculum vitae

Xosé Luís Armesto é Vicerreitor de Profesorado desde 2004. É doutor en Química e Máster in Environmental Sciences and Engineering, e autor de diversas publicacións sobre a química de N-halo compostos e procesos de degradación química e fotoquímica de herbicidas e praguicidas. Foi director do Colexio Universitario da Coruña e decano da Facultade de Ciencias.