28 sept 2011

Visita a Escola Politécnica Superior (EPS)

Tras a presentación do director Alberto Ramil, Xosé Luís Armesto explica que a súa presenza na Escola se debe a que Nova Luce o propuxo como candidato á Reitoría, unha vez que finalizou o segundo mandato de José Mª Barja e que o actual reitor non se pode presentar en virtude da limitación de mandatos que el mesmo promoveu. As eleccións aínda non están convocadas e celebraranse, previsibelmente e como en ocasións anteriores, en decembro.

Nestes tempos de mudanza a Universidade ten varias cuestións urxentes ás que dar resposta: a política de financiamento, a admisión de alumnos, as taxas e os prezos públicos, a oferta académica, etc. O programa electoral recollerá resposta a estes temas, desde o compromiso cunha universidade pública de calidade e, desde Galicia, aberta á comunidade internacional.


Nos últimos anos a Universidade da Coruña tomou medidas para facilitar o cambio como a dotación de profesorado ou a redución do número de alumnos por grupo, sen incorrer en débeda e cuns bos resultados de satisfacción dos titulados. Foi eficiente na xestión dos fondos e actuou con transparencia, promovendo o acordo a través da participación. Estas liñas manteranse no programa, no que será prioritario o capital humano: a súa dotación, a súa formación, a súa capacitación.


Nas intervencións dos asistentes, póñense varias cuestións: a necesidade de contar cun equipo de goberno solvente, a futura organización da docencia, as infraestruturas no Campus de Esteiro, a representación da Universidade da Coruña no Consello de estudantes do estado, as titulacións con baixa demanda, o excedente de profesorado en determinadas áreas. Xosé Luís Armesto responde que xa se iniciou á transición á futura organización da docencia coa adscrición a varias áreas das materias básicas, que poderán impartilas sempre que exista acordo; informa de que culminou a cesión dos locais do Sánchez Aguilera para iniciar a construción da residencia con fondos propios (existe xa proxecto e espérase que poidan comezar as obras en breve); no caso do transporte e do aparcadoiro para Esteiro, a responsabilidade de dotar os medios precisos é doutras institucións, mais a Universidade continuará a insistir (aínda máis) neste aspecto; canto á representación estudantil no Consello de estudantes do Estado, até agora non houbera acordo entre os representantes no Consello de goberno mais a elección vai facerse xa no Consello de goberno de mañá; manterase a oferta académica, mellorarase e optimizaranse os custos, mais sen redución de persoal, tal e como decidiu o Claustro, que aprobou as liñas xerais do plano de sostenibilidade.

Visita a Escola Universitaria Politécnica (EUP)

Tras a presentación do Director da Escola, Manuel Graña, Xosé Luís Armesto inicia a súa intervención pondo en valor a capacidade da universidade, a pesar de ser unha institución centenaria, para adaptarse a unha situación cambiante, cunha grande rapidez e eficiencia. Quizais por isto a universidade é moi ben valorada pola sociedade.

Esta valoración social non se traduce nun financiamento axeitado por parte dos poderes públicos. A Universidade da Coruña, en particular, ocupa os últimos lugares en financiamento por estudante no sistema universitario español, e ten unha ratio de profesores por alumnos das menores no SUG. Hai deficiencias históricas na nosa universidade o plano de financiamento que se está a discutir non repara: por iso non o podemos aceptar. Nestas condicións, a nosa universidade non só é eficiente senón que, como dixo o reitor na inauguración do curso, fai milagres cos fondos de que dispón, e actúa como un elemento de básico de cohesión e dinamismo social.


A xeración e a transmisión do coñecemento é un elemento básico para o desenvolvemento económico e social a medio e longo prazo, e a formación de bos profesionais actúa dunha forma inmediata nesta contorna. Por isto debemos incrementar e mellorar a actividade investigadora, sen esquecer a función docente, formativa, onde presentamos uns moi bos resultados.


Para conseguir estes obxectivos, o capital humano, as persoas, e a súa cualificación son elementos básicos. A política de persoal, a mellora na súa formación, será un eixo fundamental das nosas propostas de goberno.


No coloquio, o público introduce numerosos e diversos temas: as campañas de captación de alumnos, a necesidade dun sistema claro que permita a incorporación de estudantes de FP ás titulacións dirixidas ao mundo laboral, a organización do acceso dos enxeñeiros técnicos ao grao, o Campus do Mar, a regulación das Escolas de doutoramento, os criterios de avaliación da produción científica, o regulamento de bolsas propias, o gabinete de comunicación, a burocratización do traballo na universidade, a internacionalización das titulacións e a captación de estudantes estranxeiros, etc.

Preguntado polo futuro do centro, o candidato indica que a proposta do equipo de goberno, que mantén, é a creación dun gran centro de Enxeñaría en Ferrol.

27 sept 2011

Visita a Facultade de Filoloxía

A Decana da Facultade de Filoloxía, Teresa López, presenta a Xosé Luís Armesto diante do PDI, PAS e estudantes que asisten á reunión no Salón de Graos. O candidato indica que, aínda que non están convocadas as eleccións, Nova Luce decidiu presentalo ás eleccións ao reitorado, xa que José María Barja finaliza o seu segundo mandato, e non pode optar a un terceiro debido á limitación de mandatos incluída nos estatutos, a instancias de Nova Luce.

Xosé Luís Armesto faise eco dun estudo do CIS que indica que a universidade é a terceira institución mellor valorada: o primeiro lugar ocúpano os investigadores, que están maioritariamente na Universidade. Apesar disto, os reitores tiveron que manifestarse unanimemente en defensa da universidade pública, e vemos unha restrición preocupante do financiamento da universidade. Isto obriga a pór algúns interrogantes sobre as taxas, a política de admisión de alumnos, se se deben pechar titulacións con pouca demanda, se os xestores da universidade deben ser profesionais, se o financiamento debe basearse en obxectivos.

A pesar das deficiencias no financiamento, na nosa universidade reduciuse o tamaño dos grupos no proceso de implantación do plan Boloña, sen recursos adicionais e sen endebedamento, o que demostra a xestión eficiente dos recursos, pois fíxose a pesar de sermos unha das universidades con peor financiamento por estudante do estado. E fíxoo un equipo de goberno transparente, que somete a aprobación anual do Claustro universitario a súa xestión e que logo a transmite á sociedade.

Nova Luce aposta e apostou polas persoas, polo capital humano que conforman estudantes, PDI e PAS como o básico para o futuro da Universidade da Coruña, pola mellora a través da cualificación. Outra tarefa é manter e mellorar a oferta académica actual. A nosa universidade ten só 20 anos mais fixo máis pola igualdade de oportunidades e a cohesión social da rexión urbana A Coruña-Ferrol que calquera política de bolsas e para iso a oferta académica é fundamental. Fronte á supresión de títulos, o noso modelo de universidade aposta pola colaboración e pola cooperación dentro do SUG.

No coloquio posterior, o público asistente expuxo a necesidade de defender o modelo de universidade pública, de reforzar o papel da Universidade da Coruña como universidade galega e ao servizo da realidade social de Galicia, e de que o financiamento da universidade debe ser público e suficiente, cun financiamento privado sempre complementario.

Visita a Facultade de Informática

Na aula 2.6 da Facultade de Informática tivo lugar a reunión do candidato a reitor de Nova Luce, Xosé Luís Armesto, con membros do PDI, do PAS e do estudantado. Tras a presentación do Decano, Alberto Valderruten, o candidato indicou que, aínda que non están convocadas formalmente as eleccións, varios profesores expresaron a súa intención de presentarse. Un deles é el mesmo que, co apoio de Nova Luce, encabezará unha candidatura continuista a respecto da que representa José María Barja. A súa exposición iníciase pondo de manifesto a contradición entre o feito de que a universidade pública é a terceira institución mellor valorada e de que os reitores tivesen que elaborar un manifesto na súa defensa. Na súa opinión isto débese a que, aínda que todos os representantes políticos consideran o ensino, a xeración e transferencia do coñecemento primordiais no desenvolvemento da sociedade, á hora de financiar a universidade impóñense restricións preocupantes, cada vez maiores. Xosé Luís Armesto pon enriba da mesa cuestións que deberían ter resposta nas propostas programáticas de todos candidatos: as taxas, a política de admisión de alumnos, o peche de titulacións con pouca demanda, a gobernanza, o financiamento por obxectivos, etc.

O candidato de Nova Luce afirma que a nosa universidade demostrou que é unha universidade eficaz: creáronse grupos reducidos par a docencia, sen financiamento adicional e sen recorrer ao endebedamento, e a satisfacción dos nosos titulados é máis alta que a media estatal. A Universidade da Coruña é eficiente na xestión dos recursos, a pesar de que ocupa os últimos postos en financiamento por estudante do estado: infelizmente o plano de financiamento que se está a discutir non só non soluciona esta situación, senón que tampouco corrixe os desequilibrios históricos.

O capital humano que constitúen os estudantes, o PDI e o PAS é básico para o futuro da Universidade da Coruña. Demostrouse na aposta pola mellora do persoal e da súa cualificación. Un exemplo: nos últimos 8 anos, incrementouse nun 40% o profesorado doutor estable. Agora temos o reto de incrementar a actividade investigadora e a súa calidade, mais sen caer en movementos pendulares que afecten á formación ou á docencia, na que a nosa universidade presenta bos resultados: hai que lograr un equilibrio entre ambos os aspectos.

No coloquio o público intervén para expor a súa inquietude pola política de taxas, as infraestruturas da Facultade –o edificio anexo que está en fase de construción–, a situación do grao en Informática e a captación de alumnos. Exprésase tamén a preocupación pola xestión, en especial a da investigación, a necesidade de apoio aos grupos de investigación, e o papel da Universidade da Coruña no sistema de I+D do SUG. Xosé Luís Armesto indica que no programa que se está a elaborar contemplaranse medidas nese sentido. Pregúntase tamén pola situación da residencia universitaria. O candidato informa das xestións que se están a realizar para a súa construción e indica que é moi urxente que ese desequilibrio se corrixa canto antes, pois a inexistencia dunha residencia universitaria pública está a afectar xa á captación de estudantes de distintas titulacións.