19 nov 2010

Facémolo posible

Nestas eleccións aplícanse por vez primeira novas porcentaxes dos diferentes sectores, máis axustadas ao seu peso real na Universidade da Coruña, e con atención ademais ao equilibrio de xénero. Co pulo das candidaturas de NOVA LUCE fixémolo posible.

En 2006, nas anteriores eleccións ao claustro universitario, NOVA LUCE presentou un programa de transformación e innovación consonte co programa electoral que defenderan, só dous anos antes, o profesor Barja e o seu equipo de goberno. Cando, catro anos máis tarde, chegamos á renovación do claustro, o grao de cumprimento daquel programa é o noso mellor aval.

Pediamos entón un claustro máis representativo e democrático e, consecuentemente, cambiamos as porcentaxes de representación que, no caso de estudantes, pasou a ser do 28% -fronte ao 25% anterior– e no do PAS dun 9% fronte ao anterior 5%. Queriamos un claustro con maior poder, malia as limitacións que introducira a LOU, e fixamos nos Estatutos o principio de elección universal para a Reitoría, fixemos preceptiva a votación do informe anual de xestión e da programación económica e limitamos a duración dos mandatos de órganos unipersoais a dous sucesivos. Convén lembralo.

En NOVA LUCE non nos conformamos. En tempos difíciles como estes, cando tantas ameazas sofren as ideas de equidade social, o noso claustro debe asentar os principios extensos e democráticos da Universidade pública, a que sustenta o progreso, non só material, da sociedade europea.

Non toleraremos que se furte o goberno da Universidade aos propios universitarios e universitarias. Defenderemos a preeminencia dos órganos colexiados nacidos da propia Universidade, da nosa experiencia e coñecemento. Faremos bandeira do financiamento público suficiente e negarémonos a calquera proceso de privatización máis ou menos agochada. A necesaria adaptación dos Estatutos que haberá de desenvolver o novo claustro ha responder a estes principios.

Son estas as tarefas que corresponden ás persoas que conformarán o máximo órgano representativo e de control da Universidade da Coruña. Fican por diante catro anos de ilusión renovada e de progreso na construción da Universidade pública, galega e de calidade que queremos e defendemos nas últimas eleccións á Reitoría.

Con NOVA LUCE, sumamos. Con NOVA LUCE, facémolo posible.

17 nov 2010

Claustro e finanzamento

O xoves 18 de novembro celebrárase, a partir das 11 horas, unha sesión extraordinaria do claustro universitario para debater a situación do plan de financiamento do SUG. A todos nós cónstanos a importancia vital que para a UDC ten o nivel de financiamento dos próximos anos, fundamental para os nosos plans de futuro.

Sabemos que a situación actual do claustro, en funcións e co proceso de elección de todos os seus membros, fan complicada esta convocatoria. A pesar diso, o equipo reitoral considera que, para o desenvolvemento das negociacións, é importante que o máximo órgano de goberno da UDC teña a oportunidade de coñecer e pronunciarse sobre o tema.

Ningún membro da comunidad Universitaria da UDC pode quedar ao marxen de este tema. E por eso que esperamos de todoslos claustrais actuais da UDC, independentemente do sector ou sensibilidade, faga un novo esforzo para que, con a súa presenza e participación, fagan posible que a voz cualifica da UDC sexa escoitada. E de vital importancia, por tanto, a máxima asistencia ás 11 da mañá do 18 de novembro no Paraninfo da UDC para debater sobre o futuro financiamento da UDC.

5 nov 2010

Eleccións na UDC

O próximo día 2 de decembro celebraranse eleccións dos distintos sectores aos órganos de goberno da UDC. Elíxense, por tanto, os membros dos Consellos de Departamento, Xuntas de Centros e Claustro en representación dos distintos sectores do profesorado, estudantado e PAS. Nin que dicir que a participación de todos os compoñentes da Comunidade académica nestas votacións é de gran importancia para o futuro da UDC, polo que Nova Luce anima á participación de todos neste proceso.

Entre todos os órganos que deben ser renovados, o Claustro, como máximo órgano de goberno da Universidade, ocupa un posto relevante, máxime cando todos os seus membros, excepto o Reitor, o Secretario Xeral e o Xerente, han de ser elixidos. Esta é a primeira oportunidade en que se elixen os representantes dos distintos sectores coa composición e proporción de acordo cos actuais estatutos da UDC. Esta nova composición constituíu unha das principais propostas programáticas de Nova Luce, xunto coa limitación de mandatos, que foi introducida na reforma de estatutos impulsada por Nova Luce.

A nosa agrupación realizará un amplo esforzo para presentar candidatos na maioría dos centros e sectores do profesorado da UDC. Esperamos que os nosos candidatos obteñan o apoio dos membros da comunidade universitaria que nos permita continuar o proceso de renovación e desenvolvemento da UDC, sobre todo nas complexas situacións ás que se enfronta a UDC e todo o SUG como consecuencia da nova situación de financiamento da Universidade.