O Noso Compromiso




Docencia: esixencia de calidade
I+D+i: na vangarda do coñecemento, a innovación e a transferencia de resultados
Estudantes na Universidade galega, pública e de calidade
Docentes e investigadores
Persoal de administración e servizos: do cambio á consolidación
Cultura e deportes
Internacionalización da Universidade da Coruña
Campus, cidade, territorio, medio ambiente
Transparencia e eficacia na comunicación
A normalización da lingua galega
Universidade crítica, universidade participativa e solidaria
Campus de Ferrol




 1. Docencia: esixencia de calidade

 

Cultura da calidade e a innovación

 

A garantía da calidade na docencia e na xestión universitaria resulta imprescindible no actual contexto universitario. Representa o noso compromiso para contribuír a un sistema universitario acorde coas necesidades sociais do noso contorno.
As novas tarefas e responsabilidades que temos que asumir sitúanse de modo claro nos centros universitarios. Foi esa constatación a que levou a establecer medidas de apoio aos centros e nesa dirección haberemos de continuar. O mantemento e potenciación do Sistema de garantía da calidade establecido na Universidade da Coruña leva consigo o cumprimento dunha serie de obxectivos:
  • Formación do profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos nos modelos de calidade que estea aplicando a Universidade da Coruña (EFQM, ISO, Cartas de servizos).
  • Formación do profesorado en sistemas internos de garantía de calidade.
  • Implantación nos centros dos sistemas de garantía de calidade (programa FIDES orientado á acreditación dos títulos de posgrao e grao).
  • Apoio á certificación dos sistemas de garantía de calidade nos centros, coa elaboración dos procedementos específicos necesarios para logralo.
  • Verificación das propostas dos títulos de posgrao e grao de acordo coas directrices para a implantación de títulos.
  • Aplicación e seguimento do sistema de avaliación docente de acordo ao Programa Docentia.
  • Xestionar os datos específicos que hai que proporcionar a cada centro para o desenvolvemento do seu plano de melloras, de acordo ás tendencias destes.
  • Facilitar aos centros, dentro das xornadas de acollida que estes impartan, información sobre os servizos da Universidade da Coruña.
  • Xestionar o sistema de queixas e suxestións para todos os centros, servizos, institutos e departamentos da Universidade.
  • Seguimento da planificación estratéxica de centros, institutos universitarios, departamentos e servizos.

Docencia e servizos de calidade para a converxencia con Europa

 

A consolidación das políticas dirixidas á mellora docente, a adecuación aos requisitos pedagóxicos do Espazo europeo de educación superior e a innovación como eixo constante da actividade universitaria, requiren da continuidade dos grupos departamentais de calidade e das convocatorias dos contratos programa para o deseño estratéxico e a innovación. Esta é unha ferramenta básica para o desenvolvemento do Plano estratéxico da Universidade.
  • Progresiva implantación e seguimento das normas ISO nos servizos da Universidade da Coruña.
  • Formación, avaliación e seguimento dos servizos mediante a aplicación da ferramenta perfil V.5.0. do modelo EFQM orientado á excelencia, co fin de obter o carimbo bronce nos principais servizos da nosa Universidade.
  • Auditar os servizos que dispoñan da norma ISO.
  • Progresiva implantación e seguimento dos servizos que dispoñan de Carta de servizos.
  • Xestión da enquisa de satisfacción de usuarios externos aos diferentes servizos.

 

A integración no Espazo europeo de educación superior: formación e ferramentas para a docencia


Deberemos continuar a formación para a implantación definitiva das guías docentes na Universidade da Coruña e das guías de aprendizaxe, que se poderán deseñar e desenvolver a través da Facultade Virtual. Cómpre igualmente a formación do profesorado, estudantes e persoal de administración e servizos no uso e xeración de recursos audiovisuais para a docencia, a investigación, a aprendizaxe e a xestión. Todo isto terá o soporte do Servizo de recursos audiovisuais.
Polo que respecta aos Grupos departamentais, disporán dunha axuda específica para a asistencia a actividades de formación relacionadas coa implantación dos créditos ECTS e ás novas metodoloxías de ensino universitario.
O profesorado disporá neste curso 2007-2008 do novo campus virtual multimedia, que integrará a través de Moodle todas as ferramentas tecnolóxicas dispoñibles na nosa universidade para así facilitar unha docencia adaptada aos criterios do Espazo europeo de educación superior.
No proxecto de produción audiovisual aproveitaranse todas as sinerxías dos servizos, centros, empresas do viveiro e grupos de investigación que traballan no ámbito audiovisual. Este proxecto irá dirixido á xeración e comercialización de produtos audiovisuais que permitan proxectar a imaxe e a actividade da Universidade da Coruña a través de calquera dispositivo (televisión, móbiles, etc.).
A participación da Universidade, a través do profesorado que o desexe, no Consorcio de coñecemento aberto, permitirá facer unha oferta a través da rede de cursos diversos que calquera persoa poderá seguir, sempre dentro dos requisitos impostos polo proxecto OCW.

 

Enquisas e avaliacións

 

A avaliación para a formación continuará a ser un dos eixes de actuación durante os próximos catro anos. Con este obxectivo, a avaliación docente integrarase de forma efectiva dentro do programa DOCENTIA, cuxas ferramentas xa se aplicaron nos posgraos oficiais durante o curso 2006-2007.
Tres liñas de actuación destacan neste aspecto: a mellora dos perfís de competencias, a detección de boas prácticas por parte do profesorado e a mellora da oferta formativa como resultado da avaliación docente.
Estas unidades sumarán ás súas habituais tarefas outras relacionadas con:
  • Realización de informes técnicos que permitan detectar as relacións entre as metodoloxías docentes e os resultados da aprendizaxe, no caso da Unidade de formación e asesoramento (UFA).
  • Adaptación da formación informática ás novas necesidades da comunidade universitaria e ao uso crecente dos cursos virtuais no caso da Aula de formación informática (AFI). Ocuparanse tamén da xestión dos cursos ofrecidos pola empresa Professional Training.

 

Estudos propios


A Universidade da Coruña, que fixo unha aposta importante coa implantación dos estudos de másteres oficiais, non renuncia á existencia de estudos propios de posgrao, estudos que, se ben non deben solaparse ou interferir cos oficiais, ocupan sen dúbida unha parcela propia, complementaria, atractiva e de calidade. Coa aprobación do Regulamento de estudos propios de posgrao estableceuse unha normativa que regulariza estes estudos e garante a súa calidade e finalidade.
  • Continuar a aplicar o regulamento a todos os cursos que existían e soliciten a renovación.
  • Realizar a xestión académica e económica dos estudos propios de posgrao a través da Unidade de estudos propios de posgrao, sen delegar noutras instancias.
  • Creación dunha base de datos na Unidade de estudos propios de posgrao de todos os cursos onde conste o corpo docente dos cursos, o estudantado, a xestión económica e a académica.
  • Mellora das instalacións e fortalecemento administrativo da Unidade de estudos propios de posgrao.

 

As titulacións no novo marco: graos e posgraos

 

De forma inmediata a Universidade da Coruña deberá afrontar a elaboración de títulos de primeiro e segundo ciclo adaptados ao Espazo europeo de educación superior. O Real Decreto 1393/2007, de 29 de outubro, e as Liñas xerais para a implantación dos estudos de grao e posgrao no sistema universitario de Galicia, aprobadas polo Consello galego de universidades a 5 de novembro de 2007, fixan o marco normativo para a elaboración de propostas.
Conscientes da oportunidade histórica desta transformación e de que os estudos de grao e de posgrao son a base sobre a que se sustenta a calidade dunha universidade, estivemos a traballar para superar este proceso con éxito, transformando os nosos títulos e preparándonos para superar os controles de calidade previos e a acreditación posterior.
Contamos coa experiencia exitosa da implantación dos primeiros mestrados oficiais, que conforman unha oferta ampla e variada. Agora cómpre lograr a súa acreditación e achegalos, non só aos egresados e profesionais do noso contorno, senón tamén de España, Europa e América Latina.
Por acordo entre as universidades galegas e a Consellaría de Educación, a Universidade da Coruña afrontará este proceso en dúas fases: unha primeira, experimental, en que se implantarán en cada universidade só graos que non se refiran a profesións reguladas e partan de títulos únicos no Sistema universitario galego, e unha segunda, na que se levará a cabo a implantación dos restantes títulos de grao.
Como equipo de goberno, reunímonos cos equipos directivos dos centros para definir o plano de traballo da nosa Universidade e fixamos un procedemento e un calendario para regular a elaboración de propostas de títulos de grao.
Comprometémonos agora a afrontar este proceso segundo os principios seguintes.
  • A transformación de todos os títulos existentes de primeiro e segundo ciclo en títulos de grao, para que a Universidade da Coruña poida configurar unha oferta acorde co seu perfil e coherente co nivel de posgrao.
  • Non renunciamos á transformación de ningún dos títulos que se imparten na nosa Universidade. Todos terán o noso apoio para a súa transformación, sobre a base da máxima autonomía universitaria e a responsabilidade e o compromiso de colaboración interuniversitaria para consensuar posibles solucións e planos de viabilidade para aquelas titulacións cuxa transformación presente dificultades.
  • O máximo apoio aos centros para que poidan acreditar as titulacións xa implantadas e para a planificación da transformación das diplomaturas e licenciaturas actuais en títulos de grao.
  • O crecemento equilibrado entre os diferentes ámbitos de coñecemento para podermos realizar unha oferta de títulos de grao e de posgrao variada e de calidade.
  • A definición das titulacións novas na Universidade da Coruña e no Sistema universitario galego que poderían completar o perfil da universidade, entre os anos 2008 e 2009.
  • Revisión da oferta actual dos estudos de doutoramento, para ampliala e potenciala, a través da creación de novos doutoramentos por grandes áreas.
  • A demanda firme ante a administración autonómica do financiamento preciso para que este proceso sexa posible.
A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior das titulacións da UDC para a súa implantación total no curso 2009/2010 é a prioridade absoluta na acción de goberno dos próximos anos.

 

As novas tecnoloxías

 

Ao longo do último ano puxéronse en marcha varios proxectos e continuáronse outros: a implantación da nova plataforma de xestión académica Xescampus, a elaboración das características técnicas do novo portal web da Universidade da Coruña, o proxecto de guías docentes informatizadas, o proxecto de nova plataforma de teleformación (Moodle), o proxecto de plataforma de vídeo baixo demanda (UDCTV), o sistema de información para a dirección (Datawarehouse), o proxecto de seguimento de expedientes.
O Consello de Goberno declarou o apoio da Universidade ao software libre e creou a Oficina de software libre, que recibirá nos próximos anos un apoio especial para continuar con novos proxectos.
No ano 2008 porase en funcionamento o sistema de información de cualificacións a través de móbiles e comezará a implantación da sinatura electrónica en diversos servizos universitarios.
Coa finalidade de adaptar a estrutura do Servizo de informática e comunicacións ás novas circunstancias e ás novas esixencias de competitividade e calidade esixidas pola converxencia europea, procedeuse á creación do Consello de dirección do Servizo de informática e comunicacións (SIC), que comezará inmediatamente o seu funcionamento a pleno rendemento.

 

O novo concepto de biblioteca universitaria

 

Nestes catro anos houbo significativas melloras na dotación material do Servizo de Bibliotecas, co seu traslado ao edificio Xoana Capdevielle, e na dotación de persoal, grazas á Relación de postos de traballo de 2005. Súmese ao anterior o afortalamento da cooperación interbibliotecaria, en especial mediante a nosa participación no Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, a creación do repositorio institucional da Universidade da Coruña Dspace, a implantación do xestor bibliográfico RefWorks ou a aprobación da Carta de dereitos e deberes dos usuarios da biblioteca da Universidade da Coruña.
A biblioteca debe satisfacer as necesidades de información dos estudantes e apoiar ao persoal docente no proceso de ensinanza. Cómpre intensificar tamén o seu papel como provedora de recursos de información especializados para facilitar a investigación e a innovación tecnolóxica. O incremento nas fontes de información, xunto co desenvolvemento das Tecnoloxías da información e as comunicacións, conducen á transformación das bibliotecas universitarias en Centros de recursos para a docencia e a investigación (CRAIs). É a nosa responsabilidade a creación destes contornos.
  • Desenvolvemento da infraestrutura tecnolóxica nunha dupla vía de melloras: na accesibilidade aos recursos electrónicos e a implementación dun metabuscador, xunto á dotación de postos informáticos nas diferentes bibliotecas.
  • Fomento do uso dos recursos e servizos a través dun Plano xeral de formación de usuarios.
  • Dentro do Plano integral de formación do persoal de administración e servizos, programación de cursos axeitada aos obxectivos da biblioteca e ás necesidades formativas do seu persoal.
  • Potenciación do repositorio institucional da produción científica e académica da Universidade da Coruña Dspace para cubrir as necesidades crecentes de información e conseguir unha maior difusión e proxección dos traballos de investigación e docentes.
  • Conversión da Biblioteca universitaria en Centro de recursos para a docencia e a investigación.

 

As publicacións universitarias na sociedade da información

 

A Universidade da Coruña dispón dunha editorial propia, con imaxe propia modernizada e cunhas garantías de calidade científica avaliadas polo actual sistema de aceptación de orixinais. Mais isto non abonda.
Debemos garantir de modo máis eficaz a difusión e distribución da nosa produción editorial. A creación dunha libraría universitaria, con delegacións na Coruña e en Ferrol, é un paso imprescindible para facilitar materiais didácticos ao estudantado, para visualizar mellor os produtos editoriais propios e para acadar alianzas con outras Universidades.
As novas tecnoloxías da información facilitan a un tempo a maior difusión e o abaratamento de custos. A creación dun portal para a publicación de revistas en liña é unha conclusión lóxica. Isto acrecentará a difusión da investigación e evitará despilfarros.
Dentro da política de internacionalización da nosa Universidade, cómpre lograr a penetración dos produtos editoriais da Universidade da Coruña nos mercados internacionais, por medio de novos contratos de distribución con empresas especializadas. Actualmente, a difusión dos nosos produtos editoriais nos mercados europeo, hispanoamericano e norteamericano continúa a ser escasa.
A dixitalización progresiva do noso fondo editorial é necesaria para a publicación en liña de materiais novos ou esgotados. Por outra parte, esa oferta de publicacións científicas en liña contribuirá á visualización da nosa Universidade.
Por último, temos a responsabilidade, canto servizo público, de fornecer a un público amplo e non especializado materiais de divulgación científica ou de coñecemento cultural presentados, en todo tipo de soportes (papel, CD, DVD ou web).
  • Mellorar e ampliar a distribución dos produtos editoriais da Universidade da Coruña.
  • Creación dun portal para a publicación de revistas en liña.
  • Apertura dunha librería universitaria na Coruña e en Ferrol.
  • Dixitalización do noso fondo editorial, previo á súa publicación en liña.
  • Creación de novas liñas editoriais de carácter audiovisual, electrónico e divulgativo.

 

A captación de estudantes


Esta área é crucial para as universidades no momento actual e implica, dun modo ou outro, a áreas, vicerreitorías e incluso universidades diferentes. Debemos lembrar campañas en curso na Universidade da Coruña, como a de Visita o teu campus ou o reparto de material divulgativo, calendarios, lotes de libros ou bandas deseñadas.
A Universidade da Coruña continuará a desenvolver esforzos en comunicación institucional para achegar a nosa oferta a estudantes de bacharelato mediante campañas publicitarias ou a participación en feiras do sector. A dimensión non debe ser só galega, mais internacional. Contemplará, asemade, campañas conxuntas entre as tres universidades galegas e a Consellería de Educación, con independencia dos esforzos competitivos de cada unha.
Aprofundarase, igualmente, na posta en marcha de actividades de coordinación co ensino secundario e o bacharelato, que se levará a cabo cun calendario de actuacións dirixidas a promover a comunicación entre o nivel universitario e o de secundaria e bacharelato (xornadas, actividades conxuntas de formación e investigación, etc.).

 

Prácticas en empresas


A política seguida polo actual reitorado fai das prácticas en empresas un factor crucial para a formación dos nosos titulados. En concreto, deberemos aprofundar nesta vía mediante os seguintes procedementos:
  • Establecemento de mecanismos más efectivos de cara a potenciación das prácticas en empresas, dado o vital papel que terán na nova organización das ensinanzas universitarias.
  • Reforzamento do papel dos responsables de prácticas en empresas dos centros.
  • Ampliación do programa de bolsas líder con empresas significativas do contorno para a realización de prácticas.
  • Mellora das prestacións e potenciación do uso da ferramenta de emprego da Universidade da Coruña, a través do aumento de accións divulgativas nos centros, entre os estudantes e as empresas.

 

Observatorio ocupacional


Reforzaremos o papel do observatorio ocupacional, servizo encargado dos estudos acerca do nivel de inserción laboral dos nosos posgraos e das enquisas sobre o nivel de satisfacción dos titulados da Universidade da Coruña cos estudos realizados.

 

Servizo de apoio ao emprego e ao emprendemento (SAEE)


Continuarase a reestruturación dos nosos servizos de orientación laboral e de autoemprego nun único servizo que facilite aos nosos estudantes e titulados a transición ao mercado laboral. Para iso, manterase a característica de orientación aos estudantes e titulados da Universidade da Coruña e reforzaranse as posibilidades relativas ao autoemprego. Trátase de ofrecer coñecementos aos nosos titulados, mediante información e asesoría integral, sobre como montar unha empresa e realizar o seguimento da iniciativa unha vez posta en marcha.

 

A axilidade na xestión académica


Unha Universidade moderna e útil á comunidade universitaria é aquela que ten unha xestión nos procedementos académicos rápida, sinxela e eficaz. Nestes anos reguláronse e simplificáronse moitos procedementos de xestión e outros foron creados. Coa nova aplicación informática de xestión, Xescampus, avanzamos considerablemente nestes obxectivos.
A implantación de Xescampus proseguirase con módulos que permitan a matriculación de estudantado de terceiro ciclo, de estudos propios, da Universidade Sénior, a elaboración de certificados académicos ou a implantación do suplemento europeo ao título.
Remodelarase a Sección de terceiro ciclo, que se denominaría Sección de posgrao, con dous negociados: un para másteres e outro para doutoramentos.
A maioría dos procedementos terán a posibilidade de seren realizados por diferentes canles: a presencial, Internet, telefónico, etc.
Impulsarase a difusión da normativa de xestión académica para que sexa o máis coñecida posible, tanto entre estudantes como no PAS e PDI.
Axilizarase a resposta a solicitudes e recursos de tipo académico. A tal fin, procederase á delegación de procedementos nos centros na procura de prazos de resposta máis curtos.
O calendario académico afecta directamente a moitos procedementos de xestión. A adaptación ao Espazo europeo de educación superior implica unha remodelación profunda do calendario, na que deben implicarse docentes, estudantes e persoal de administración e servizos. Cómpre ademais repensarmos o número e as datas das convocatorias e o tipo de avaliacións. O calendario deberá ser coherente co doutras universidades, incluídas as estranxeiras, para non obstaculizar a mobilidade e simplificar a xestión.
  • Adaptación das actuais normativas á nova lexislación.
  • Adaptación das aplicacións informáticas de xestión.
  • Desenvolvemento de novos módulos de Xescampus.
  • Facer un compendio de todas as resolucións reitorais de desenvolvemento académico e plasmalas nunha única normativa.
  • Avanzar na xestión dos estudos propios a través de persoal da Universidade da Coruña.
  • Instrucións claras de procedementos.
  • Descentralización de procedementos.
  • Sinatura electrónica de actas.
  • Reforma do calendario académico.

 

 

 

2. I+D+i: na vangarda do coñecemento, a innovación e a transferencia de resultados

 

Medidas para o incremento da investigación de calidade


A investigación foise consolidando co desenvolvemento da nosa Universidade e agora é o momento para dar un salto cualitativo. Para un axeitado intercambio de coñecementos e servizos que fagan efectiva a presenza da Universidade no desenvolvemento tecnolóxico e social do noso contorno, cómpre incrementar a actividade investigadora e de transferencia de resultados. Para isto, deberá aumentar o número e calidade dos centros adicados á investigación, sexa básica ou orientada á empresa, con planos específicos de investigación e innovación acordes coas potencialidades e intereses da Universidade.
Durante estes catro anos, realizáronse políticas para a mellora da capacidade investigadora dos membros da Universidade da Coruña, como foi a inclusión no POD da actividade investigadora ou as medidas incentivadoras para a realización de teses de doutoramento polo profesorado. Melloraron tamén as condicións dos investigadores en formación, non só polo incremento na dotación das bolsas, senón pola mudanza das súas condicións. Exemplo disto é a convocatoria de bolsas predoutorais se axustou ás condicións do Estatuto do bolseiro e ao Estatuto de persoal investigador en formación. Para continuar neste camiño, e segundo as recomendacións da Carta europea do investigador, proponse a transformación de todas as bolsas predoutorais en contratos a partir de 2008.
Os grupos de investigación aumentaron a súa capacidade investigadora coa incorporación de doutores de recoñecida valía a través de programas como o Juan de la Cierva, o Ramón y Cajal ou o Parga Pondal. Cómpre agora desenvolver un programa específico de creación de prazas de profesorado estable que permita a incorporación daqueles investigadores que se axusten aos requisitos de calidade establecidos para a súa avaliación (I3 ou equivalentes).
A normativa de grupos de investigación recoñecidos permitiu dispor dun catálogo de investigación da nosa universidade. Tras as convocatorias establecidas, tanto pola Consellería de educación como pola de Industria, é posible e pertinente establecer un programa propio de axudas aos grupos de investigación consolidados e emerxentes, subsidiarias das anteriores.
No caso de grupos emerxentes, valoraranse especialmente aqueles que se formen como consecuencia do desenrolo de novas liñas de traballo, e non pola división de grupos estables. A tal fin, incentivarase a súa constitución cun número suficiente de investigadores e que realicen a súa actividade de I+D dentro de liñas prioritarias autonómicas, españolas ou europeas.
Poñerase en marcha unha axuda plurianual a grupos consolidados, con independencia de proxectos, para que nun período de tempo razoable conten cun financiamento basal que lles permita mellorar a súa calidade investigadora e estar en disposición de competir en convocatorias consorciadas ou internacionais.
Facilitarase a participación neste tipo de proxectos mediante asesores especializados que poidan orientar e axudar aos grupos na preparación das súas propostas, establecemento de contactos, etc.
  • Programa específico para a incorporación de doutores e doutoras dos programas Ramón y Cajal e Parga Pondal.
  • Axudas a grupos emerxentes, sempre que non debiliten equipos estables.
  • Axudas plurianuais de financiamento basal para grupos consolidados.
  • Creación dunha unidade de apoio á xestión de proxectos europeos.

 

Servizos de apoio a investigación (SAI)


Durante estes catro anos consolidáronse os Servizos de apoio á investigación, en equipamento, en persoal, agora incluído na Relación de postos de traballo, coa aprobación dun novo regulamento e a renovación da Comisión de usuarios. A avaliación destes servizos deu paso a un plano de melloras, xa en curso.
Isto permítenos estar nas mellores condicións cara ao futuro.
  • Aumentar a oferta de análises acreditadas mediante a norma UNE 17025.
  • Posta en marcha dun laboratorio de referencia de análise de augas. Adquisición de equipamento que axude á instalación deste laboratorio.
  • Continuar coa captación de recursos económicos en programas para financiamento de equipamento e infraestrutura investigadora (FEDER, MCYT, rexionais, etc.) co fin de manter, mellorar e ampliar o equipamento científico-técnico.
  • Realización de programas de información, dirixidos aos grupos de I+D, sobre oferta de equipamento e cursos de formación sobre técnicas e instrumentación dispoñibles.
  • Propor un consorcio coas universidades do sistema universitario galego para que os investigadores poidan utilizar, en igualdade de condicións, os respectivos servizos de apoio á investigación.
  • Potenciación do réxime de autoservizo aos usuarios da Universidade da Coruña.

 

Xestión e apoio á investigación


Temos percorrido moito camiño para lograr o obxectivos de maior transparencia e axilidade na xestión da investigación. A transparencia na xestión está baseada actualmente nunha máis ampla información, que permite á comunidade universitaria coñecer os criterios de avaliación e os seus resultados. Creouse tamén o Servizo de investigación, cuxos postos de persoal foron cubertos moi recentemente.
Malia o anterior, a situación actual no campo da investigación competitiva a través de fondos públicos continúa a ter como materia pendente a xestión. Resulta imprescindible, neste contorno, a mellora da xestión das actividades de I+D+i. Por esa razón, para alén de participar co resto de universidades e centros públicos de investigación na reclamación da axilización dos procesos de xestión nas administracións públicas, cómpre adoptar medidas complementarias.
  • Implantación de procedementos informáticos de xestión das actividades de I+D+i que permitan axilizar este labor (xestión de proxectos, avaliación das actividades de grupos de I+D, curriculum de investigadores, etc.).
  • O Servizo de investigación proporcionará o apoio necesario aos investigadores nos procedementos de xestión económica ou administrativa relativas a todas as actividades de investigación.
  • Revisión da normativa económica, dentro das posibilidades legais, na procura da simplificación da xestión.

 

Desenvolvemento do Parque Tecnolóxico da Universidade da Coruña


A primeira fase estará operativa durante o curso 2010-2011. Cómpre facer o deseño da segunda fase do proxecto en paralelo ao desenvolvemento e remate da primeira. Para conseguir a plena operatividade do Parque, faranse as oportunas modificacións na actual estrutura societaria, de modo que se facilite a incorporación de novos socios ao proxecto.
O papel do Parque é fundamental para reforzar a actividade investigadora, para ofrecer saídas profesionais aos nosos doutores e doutoras, para proxectar a institución na sociedade e para o desenvolvemento das nosas empresas de base tecnolóxica.
Os Centros de innovación tecnolóxica, impulsados pola Universidade e situados no contorno do Parque científico e tecnolóxico, son proxectos multidisciplinares nos que participan numerosos grupos de investigación de toda a Universidade. Estes centros abren oportunidades de investigación e desenvolvemento e facilitan a conexión coa empresa e o sector público.
O Parque implica non só a construción de edificios, mais a dotación de equipamento adecuado, previa elaboración dun catálogo do equipamento xa dispoñible e dun catálogo de necesidades, tanto para estes centros como para outros xa existentes e para os servizos de apoio á investigación.
  • Ampliación do Centro de Innovación Tecnolóxica en Tecnoloxías da Información e Comunicación (CITIC). Ao remate da ampliación, o CITIC e mais a ampliación converteranse no Centro de Desenvolvemento de Software.
  • Ampliación do CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil).
  • Posta en marcha do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), destinado a albergar os grupos de investigación de referencia da Universidade da Coruña.
  • Posta en marcha do Centro de Innovación Tecnolóxica para a autonomía persoal dos maiores e colectivos dependentes.
  • Posta en marcha do Centro empresarial, no que estarán os servizos comúns do Parque, locais en réxime de alugueiro para empresas e a ampliación do viveiro de empresas da Universidade da Coruña.
  • En Ferrol, ampliación do Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT), para o que se conta coa reforma do actual pavillón do comedor universitario, no Campus de Esteiro.
  • En Ferrol, definición de participación da Universidade da Coruña -unha das tres promotoras, xunto coa Consellería de Industria e as asociacións empresariais de cada sector- no Centro Tecnolóxico Naval e no Centro Galego do Plástico.

 

Transferencia de resultados


O desenvolvemento e fortalecemento da OTRI debe servirnos para o aumento dos recursos humanos dispoñíbeis e para o establecemento de mecanismos efectivos de transferencia de tecnoloxía e de difusión dos resultados de investigación. Cómpre poñer a énfase no incentivamento das solicitudes de patentes por parte dos grupos de investigación e na posta en marcha de programas de valorización comercial para os nosos grupos de investigación.
O aumento significativo na organización de xornadas sectoriais con empresas e na difusión das capacidades dos grupos de investigación é outro grande obxectivo, para o que haberá de poñerse en marcha un plano de comunicación.
O anterior non pode facerse á marxe da rede OTRI do sistema universitario galego e da rede OTRI estatal, coas que haberá que promover a colaboración, sen que isto signifique esquecer os nosos obxectivos singulares.
En resumo, a OTRI debería se converter no departamento de markéting da Universidade da Coruña en canto a difusión, proxección e transferencia de resultados.

 

Captación de recursos


Propoñemos manter unha traxectoria estable de captación de recursos externos mediante contratos e convenios. Trátase de incentivar os grupos de investigación da Universidade da Coruña para que traballen con empresas, facilitando a xestión deses contratos e convenios.
Reforzaranse, a este fin, os mecanismos cooperativos entre a nosa Universidade e a FUAC, FEUGA, Fundación Enxeñería Civil, Instituto Tecnolóxico de Galicia, Fundación Río do Pozo, xunto coas distintas sociedades mercantís do Parque Tecnolóxico da Universidade da Coruña.

 

Viveiro de empresas, cátedras de empresa e difusión das actividades en I+D+i


Continuaremos o programa de fomento e apoio para a creación de empresas de base tecnolóxica da Universidade da Coruña. O obxectivo é a duplicación dos espazos actualmente dispoñíbeis para o viveiro e unha substancial mellora dos apoios a estas empresas, tanto no ámbito administrativo como no financeiro, como é o acceso a fondos de capital-risco.
Continuaremos tamén co programa de cátedras con empresas e institucións significativas do contorno socioeconómico da Coruña-Ferrol, cátedras que permitan cubrir os obxectivos específicos de cada unha e o mantemento de alianzas estratéxicas significativas coas empresas.
A importancia da investigación e a innovación non debe limitarse ao ámbito universitario, senón que debe ser coñecida e recoñecida pola sociedade. Neste sentido, impulsarase un plano de difusión das actividades de I+D+i dos nosos grupos no contorno social e nos medios de comunicación para favorecer particularmente o seu achegamento aos distintos sectores empresariais e sociais.
  • Fomento da cultura de divulgación da ciencia xerada na nosa Universidade.

 

Tecnoloxías de información e as comunicacións

 

Deberemos abordar a elaboración do plano estratéxico de Tecnoloxías de información e as comunicacións da Universidade da Coruña, para reforzar o noso compromiso coa calidade dos procesos de ensinanza-aprendizaxe, investigación e xestión na sociedade do coñecemento. En particular, o plano debería ter en conta:
  • Fomento do emprego das tecnoloxías da información e as comunicacións no proceso de ensino-aprendizaxe, en particular, mediante o apoio entre a comunidade universitaria ás redes sociais, como poden ser cadernos de bitácora, planetas, etc.
  • Facilitar a participación do profesorado nas diferentes redes de investigación mediante a dotación de recursos audiovisuais e de comunicación.
  • Facilitar o acceso da comunidade universitaria aos diferentes servizos administrativos da Universidade da Coruña mediante medios electrónicos (internet, móbil, etc.), asegurando sempre a dispoñibilidade, o acceso, a integridade, a autenticidade, a confidencialidade e a conservación dos datos.
  • Facilitar os medios á comunidade universitaria, mediante compra, préstamo ou arrendamento de equipos portátiles ou similares, para a incorporación das TIC no proceso de ensino-aprendizaxe e investigación.
  • Incremento do emprego de software libre e formatos abertos entre a comunidade universitaria mediante a elaboración dos planos de migración, desde as solucións privativas actuais e mediante a definición dos tipos de documentos a empregar.
  • Adecuación e mellora nos planos de formación TIC da Universidade da Coruña para toda a comunidade universitaria, mediante o incremento no emprego do software libre.
  • Mellora dos servizos de comunicacións dispoñibles para a comunidade universitaria mediante telefonía baseada en IP, redes privadas virtuais, acceso remoto, conexión CWDM 10G para acceso a internet desde a Universidade, maior cobertura na rede WiFi, etc.
  • Creación dun único punto de atención de incidencias TIC para toda a comunidade universitaria, para facilitar a súa resolución mediante o emprego da metodoloxía ITIL.
  


 

3. Estudantes na Universidade galega, pública e de calidade

 

Unha Universidade para estudantes críticos e participativos

 

O noso modelo de universidade pública, galega, aberta, e transparente, demanda estudantes críticos e participativos, tan conscientes dos seus propios dereitos e deberes como de seren protagonistas, mesmo agora, do desenvolvemento do noso país.
Cando se di universidade pública, quer dicirse que o seu financiamento non debe cargar sobre as economías familiares dos estudantes, nomeadamente das menos favorecidas. Por iso, opoñémonos á suba das taxas de matriculación. Por iso, cremos na xestión pública das residencias proxectadas. Por iso, impulsamos os másteres oficiais con prezos públicos.
Cando se di universidade aberta, significa tamén que o seu modelo de funcionamento debe perseguir o uso das instalacións e dos medios, como os laboratorios, fóra dos horarios de docencia.
Cando se di universidade galega, falamos da necesaria interrelación e mobilidade entre as tres universidades galegas para facermos país, en todos os ámbitos nos que a Universidade pode aportar os seus valores e coñecementos, desde o impulso á lingua galega ata a transferencia de resultados de I+D.
Cando se di universidade transparente, somos conscientes de que, malia os avances efectuados na web institucional, a información tarda en chegar ou simplemente non chega ao estudantado, nomeadamente os moitos regulamentos aprobados nestes catro anos onde se contemplan os seus dereitos.
Por estas e tantas outras razóns, apoiamos e apoiaremos todas aquelas vías, asociativas e de comunicación, que favorezan a incorporación e a participación do estudantado na xestión e condución da Universidade da Coruña.

 

Un programa pensado para estudantes


Este programa fala do estudantado e teno presente en practicamente todos os seus grandes apartados, sexa no urbanismo sostible e nas comunicacións, sexa na docencia, sexa no deporte e a cultura, sexa nas relacións internacionais, entre tantos outros. Así debe ser, pois o estudantado non é unha parcela illada da vida universitaria, senón o seu principal obxectivo en todos os ámbitos.
  • Oposición á continua suba das taxas de matriculación.
  • Xestión pública de servizos como a futura residencia universitaria.
  • Medios de transporte públicos que garantan o acceso aos campus en condicións que incentiven o seu emprego e horarios adaptados aos das aulas.
  • Redefinición do financiamento do bono-bus universitario, para que non cargue sobre a Universidade e as persoas usuarias.
  • Avaliación de resultados e revisión periódica das normativas que atinxen ao estudantado.
  • Mellorar a información ao estudantado sobre recursos docentes e regulamentos, con utilización de novos medios, como o reparto de CD divulgativos co sobre de matrícula.
  • Ampliación dos horarios de uso das instalacións, especialmente en época de exames, e avanzar no acceso libre aos medios e servizos relacionados coa docencia.
  • Habilitación de novas aulas de estudo e mellora das existentes.
  • Impulso ao asociacionismo de estudantes.
  • Impulso á creación de comisións de usuarios con participación de estudantes.
  • As asociacións de estudantes, validamente constituídas, poderán presentar proxectos relacionados coa integración no Espazo europeo de educación superior a partir da convocatoria do 2008.
  • Profundarase na adaptación da Universidade aos estudantes con necesidades educativas especiais, mediante a Unidade de atención á diversidade do CUFIE.
  • Completar a eliminación das barreiras para as persoas discapacitadas.

 

A normativa académica


Durante os últimos anos foron reformándose as normativas existentes e creando outras, sempre co obxectivo de mellorar a xestión, adaptarse ao Espazo europeo de educación superior e responder a problemas do alumnado. Exemplo disto son o regulamento de libre elección, o regulamento de avaliación por compensación, a normativa académica de avaliacións, de cualificacións e de reclamacións, o regulamento de estudos propios de posgrao ou o regulamento de estudos oficiais de posgrao, entre outros.
Os obxectivos actuais parten dese traballo realizado, primeiro, para avaliar os resultados obtidos e, segundo, para afinar a súa eficacia cos axustes correspondentes.
  • Revisión do regulamento de terceiro ciclo e do regulamento de estudos oficiais de posgrao.
  • Posibilitar ao estudantado que se matricule do número de créditos ou materias que desexe, sen as actuais limitacións.
  • Revisar a normativa de adaptacións e convalidacións para facilitar a mobilidade.
  • Revisión e actualización da normativa de aprobado por compensación e da de exames.
  • Crear táboas de equivalencia entre materias de titulacións da Universidade da Coruña e de universidades estranxeiras para favorecer os intercambios Erasmus.
  • Crear mecanismos áxiles e cómodos para a matrícula e/ou traslados de estudantes nacionais e estranxeiros.
  • Facilitar diferentes modalidades de matrícula aos alumnos de POP ‑alumnado que traballa‑, para que sexan considerados alumnado oficial malia que non estean matriculados de curso completo.
  • Oferta de libre elección adecuada ás necesidades de cada titulación. Favorecer, mediante delegación nos centros, o recoñecemento de créditos de libre elección de materias cursadas.
  • Recoñecemento de créditos de libre elección a alumnos Erasmus por cursos de idiomas realizados na súa estadía no estranxeiro.
  • Elaborar a normativa sobre o sistema de recoñecemento e transferencia de créditos co obxecto de facer efectiva a mobilidade de estudantes.
  • Facilitar ao estudantado as convocatorias oficiais e as cualificacións resultantes mediante SMS.
  • Continuar fomentando a matrícula por Internet.

 

Os estudantes Sénior


Partimos dun dato francamente positivo: somos a universidade con mais alumnos sénior das tres universidades galegas.
Nestes anos mudou o plano de estudos, aumentouse a oferta docente, particípase en programas con universidades estranxeiras, conseguíronse convenios co concello de Ferrol e coa Secretaría Xeral do Benestar.
  • Mellora das instalacións.
  • Creación dunha Aula Net propia.
  • Capacidade de ofertar todas as prazas que se demandan.
  • Incremento do número de asignaturas e de profesores.
  • Consolidación da relación institucional coa Secretaría Xeral de Benestar mediante un convenio marco.
  • Conseguir novas colaboracións de institucións públicas.
  • Participación en programas europeos para Universidades Sénior.
  • Aumentar o número de centros da Universidade da Coruña que colaboren para que, unha vez rematados os estudos deste alumnado, poidan asistir como oíntes ás materias das titulacións oficiais.

 

 

 

4. Docentes e investigadores

 

A carreira académica: estabilidade e promoción


A estabilización do profesorado contratado, que era a maior preocupación ao inicio de 2004, é hoxe un problema practicamente resolto. Atrás fica o desbloqueo da transitoria terceira dos estatutos, mediante unha redacción consensuada, cun calendario e desenvolvemento que permitiu resolver as diferentes circunstancias. Mantemos o compromiso para que os profesores con contrato administrativo a tempo completo acreditados poidan optar ás correspondentes prazas que permitan a súa estabilización.
O compromiso de promoción do PDI concretouse en diferentes aspectos: na normativa de promoción do persoal habilitado, aprobada en Consello de Goberno, na carreira profesional pactada no convenio colectivo e no compromiso de estabilidade dos axudantes, único nas universidades galegas.
Agora propómonos adaptar as normativas de contratación de profesorado aos novos decretos de acreditación e acceso. Manteremos, como principio chave da política de promoción de profesorado, a cualificación e continuaremos cun deseño de carreira académica que se inicia coa figura de axudante. Naquelas titulacións con maior dificultade na formación de doutores, comprometémonos a garantir no futuro a estabilidade dos axudantes contratados.

 

Un novo concepto de POD: actividade investigadora, xestión e participación en másteres acreditados

 

No POD do presente curso, 2007-2008, contabilízase a actividade investigadora extraordinaria que realiza boa parte do profesorado da Universidade da Coruña, ben porque é recoñecida polos seus pares, porque son investigadores principais de proxectos de investigación competitivos ou porque dirixen teses de doutoramento. Isto supón rachar coa incoherencia que existía na elaboración da relación de postos de traballo, baseada exclusivamente na actividade docente, cando, cada vez máis, a actividade do conxunto do profesorado debe ser docente e investigadora.
Neste curso, o concepto significou o recoñecemento dun equivalente a 18.000 horas. O seguinte paso será o recoñecemento no Plano de organización docente da dedicación a actividades de xestión relacionadas coa docencia, como as realizadas polas persoas responsables de calidade do centro, de titulación, como coordinador de mestrado, de intercambio de estudantes, de prácticas en empresas, etc. O obxectivo está en que o Plano de organización docente reflicta todas as actividades do profesorado na proporción adecuada.

 

A adaptación ao novo marco europeo

 

A implantación dos primeiros graos no próximo curso implicará a revisión das normas de organización docente e na dedicación do profesorado.
As materias definiranse en créditos ECTS. Isto significa unha mudanza no parámetro de medida, que non serán as horas presenciais de docencia na aula, senón a totalidade do traballo que desenvolve o estudante, que terá que acompañarse dunha atención máis individualizada e constante por parte do profesorado.
A efectos de organización docente, deberemos computar na dedicación do profesorado a docencia teórica, a docencia práctica, a atención ao estudante en titorías en grupos reducidos e outro tipo de actividades. Isto suporá unha redefinición das actuais obrigas docentes do profesorado.
A efectos de organización académica, deberemos reducir o número de estudantes por grupo. A nosa intención é reducir a 50 o número de estudantes por grupo na docencia teórica, a 20 na docencia práctica e a 10 nas titorías en grupo. Isto obrigará a incrementar o profesorado nas titulacións con maior demanda social.

 

Parga Pondal, Ramón y Cajal e equivalentes

 

As universidades deben aproveitar as políticas de recursos humanos que promoven as autoridades educativas dirixidas a captar investigadores cualificados con anos de experiencia profesional.
Con esta finalidade propomos a creación dun programa específico plurianual de dotación de prazas de profesorado permanente para os actuais contratados Parga Pondal e Ramón y Cajal. A creación de prazas farase tendo en conta o número de investigadores que acadaran unha avaliación externa positiva ao final do seu contrato e conseguiran a acreditación correspondente, e procurará a distribución proporcional segundo as ramas de coñecemento.
  • Mantemos o compromiso de creación de prazas para que o profesorado acreditado con contrato administrativo a tempo completo poida estabilizarse.
  • Adaptaremos a normativa de promoción do profesorado aos novos decretos de acreditación e acceso ao funcionariado.
  • Compromiso de estabilidade para os axudantes naquelas titulacións con máis dificultades para a formación de doutores.
  • Recoñecemento na Relación de postos de traballo da actividade dedicada a xestión relacionada coa docencia e a transferencia de coñecemento.
  • Redución do número de estudantes por grupo nos graos: 50 para a docencia teórica, 20 para a docencia práctica e 10 para as titorías, o que implicará unha redistribución das obrigas docentes máximas.
  • Para os contratados Parga Pondal e Ramón y Cajal, crearase un programa específico plurianual de creación de prazas de profesorado permanente, en función do número de investigadores que teñan a avaliación externa positiva.
  • Unha vez acreditados os másteres, deberá computar a docencia para a creación de prazas estruturais de profesorado. Antes deberá revisarse a normativa dos planos de estudos correspondentes.
  • Revisión da normativa de disfrute do ano sabático para poida levarse a cabo en calquera ámbito do coñecemento mediante a contratación de profesorado substituto.
  • Elaboración de programas propios que favorezan a mobilidade do profesorado.
  • Desenvolvemento de figuras de profesorado visitante para actuar con flexibilidade nos ámbitos en que existen problemas estruturais no cadro de profesorado.
  • Mellora das medidas de acción social do PDI.
  • Unha vez sexa substituído o proceso de habilitación polo de acreditación, promover a funcionarización dos contratados laborais.

 

 

5. Persoal de administración e servizos: do cambio á consolidación

 

Abórdase o programa de futuro para o colectivo de Persoal de administración e servizos coa certeza de que unha parte moi substancial das súas demandas están cumpridas ou en fase de facelo. Hai un eixo básico que respectamos e respectaremos: os principios de publicidade, mérito e capacidade.
A profesionalización da xestión, que aparecía como obxectivo no programa de 2003, continúa a estar no centro do actual programa de 2007 e así deberá ser no futuro. Cremos que só se poderá garantir coa participación, a transparencia, a obxectividade e a eficiencia.
Nos próximos catro anos é preciso consolidar a política de transparencia, modernización e eficiencia iniciada. As medidas concretas que propomos son as seguintes:
  • Finalizar ao longo de 2008 a execución da Relación de postos de traballo de 2005, tanto en persoal laboral como en persoal funcionario. Isto implica executar os procesos selectivos que permitan a estabilidade do persoal e a súa promoción.
  • Revisión da Relación de postos de traballo como máximo cada dous anos. No ano 2008 revisarase a actual.
  • Continuaremos apostando porque a RPT responda ás necesidades reais da administración universitaria e pola xestión directa dos servizos.
  • Convocatoria periódica e habitual de concursos de traslado de persoal. Logo do acordo cos órganos de representación dos traballadores, aprobarase en Consello de goberno un baremo estable para estes concursos.
  • Proseguirase cunha política de persoal a prol da promoción profesional do PAS.
  • Implementación do Plano de formación integral recentemente aprobado coa programación semestral das actividades formativas.
  • Impulso do intercambio con outras universidades europeas e hispanoamericanas, de xeito que o persoal de administración e servizos se poida acoller a estadías formativas nesas institucións.
  • Renegociación, no ano 2008, do actual convenio colectivo do PAS laboral.
  • Execución do proceso de funcionarización, logo do acordo cos órganos de representación dos traballadores, para acadarmos o corpo único. En calquera caso, a funcionarización será sempre voluntaria.
  • Fomentar as políticas de saúde laboral a través do seguimento da aplicación da Lei de prevención de riscos laborais.
  • Negociación dun manual de funcións por categorías profesionais.
  • Avanzar na estandarización e modernización de procedementos.

 

 

 

6. Cultura e deportes

Universidade, cultura e sociedade


A política cultural da Universidade da Coruña, en canto universidade pública, concíbese como instrumento da parte máis dinámica e crítica da nosa sociedade. Para alén das institucións coas que traballamos, concellos, Deputación e Xunta, procuramos facilitar medios e colaboración ás organizacións cidadás, nunha mutua e arriquecedora relación que permite visibilizar a nosa Universidade como foco cidadán de conciencia crítica e de transformación social e cultural.
Se no programa de 2003 falabamos dunha “rede cultural propia”, agora podemos falar dunha política cultural propia. Coa oferta dunha programación alternativa e de calidade, creouse unha estrutura baseada na figura das aulas, cada unha con programación singular. Tamén, por primeira vez, ofreceuse unha oferta institucional de cursos de verán.
En todos os casos, procúrase que estas actividades teñan dimensión cidadá, no só universitaria, que sirvan de canle de comunicación coa sociedade. Isto puido visualizarse nos actos paralelos ao doutoramento honoris causa de Isaac Díaz Pardo.
  • Reforzamento administrativo e material da Área de cultura.
  • Extensión das actividades, mediante convenios locais, aos concellos das áreas metropolitanas de Coruña e de Ferrol.
  • Mellora das redes de intercambio cultural coas outras universidades galegas.
  • Produción propia en danza contemporánea, en liña co realizado en Teatro e na Orquestra de cámara.
  • Creación da Aula de poesía, aberta a talleres de escritura e á produción de estudantes e comunidade universitaria.
  • Continuidade das convocatorias públicas a estudantes para a organización do Campus Rock.
  • Afianzamento da oferta institucional propia de cursos de verán, integrados na Área de cultura, cunha política de convenios con outras institucións.
  • Incremento da colaboración con entidades e asociacións culturais cidadás.
  • Oferta cultural diferenciada e de calidade, baseada nas propias fortalezas da Universidade da Coruña e cun carácter innovador e alternativo.
  • Posta en marcha das cátedras culturais.

 

As infraestruturas culturais da Universidade da Coruña


As necesidades de espazos culturais na nosa Universidade están próximas a cubrirse, o que permitirá un achegamento maior e máis eficaz á comunidade universitaria e ao conxunto da sociedade:
  • Remodelación da antiga Escola de Maxisterio como Centro cultural da Universidade da Coruña, con sala de cinema e teatro, sala de exposicións e aulas de actividades.
  • Remodelación da pista de tenis cuberta da Zapateira para auditorio preferentemente musical, con inclusión de espazos para ensaios dos grupos universitarios.
  • Creación dunha Sala de prensa na Reitoría con uso polivalente como sala de conferencias.
  • Achegamento á comunidade universitaria mediante o Campus Center, para agrupar nun só espazo as actividades de extensión e a propia vicerreitoría.

 

O deporte universitario


No terreo deportivo, optamos por un modelo que pon en primeiro plano, tanto en utilización de espazos como en financiamento, o deporte de base nacido na propia Universidade da Coruña, sexa individual ou colectivo, recreativo ou competitivo. A política de convenios e acordos con federacións e equipos externos está baseada no intercambio equitativo. Optamos tamén por estreitar acordos de mutuo interese cos concellos da área metropolitana, dentro da concepción de servizo público, pois o deporte é unha vía importante para a visibilidade social da nosa Universidade.
A introdución da tarxeta de abono DXT facilita a utilización das instalacións deportivas e xera unha demanda cada vez máis forte, o que crea disfuncións polos escasos medios actuais. É o momento de dar un salto adiante e reforzar a Área de deportes como estrutura singular, no aspecto administrativo e no da dirección.
Cómpre abordar unha política deportiva universitaria coherente cos principios xerais da institución, que saiba atender as novas esixencias desta comunidade, como a relación entre deporte e xénero, entre deporte e saúde ou deporte e discapacidade. O compromiso será sentar as bases dun modelo de deporte feito desde a universidade, para toda a comunidade universitaria, aberto á sociedade e interrelacionado con todos axentes implicados e con responsabilidades nesta materia.
  • Reforzamento da estrutura administrativa e de dirección da Área de deportes.
  • Afianzamento e extensión do concepto de deporte de base universitario.
  • Favorecer o deporte feminino e a incorporación das mulleres nas actividades e no seu liderato, mediante un cambio cultural e estrutural.
  • Desenvolver accións específicas sobre deporte e saúde e deporte e discapacidade.
  • Axudar ás necesidades específicas de deportistas de alto nivel.
  • Colaboración cos concellos da área metropolitana para usos compartidos de instalacións e ampliación de horarios de uso.
  • Cooperación coas outras universidades galegas para a creación dunha rede efectiva de deporte universitario galego. Ampliación, no seu caso, ás universidades miñotas.

 

Infraestruturas e servizos deportivos


As carencias en infraestruturas deportivas propias é especialmente grave en Ferrol, onde non existen, mais as instalacións actuais nos campus coruñeses resultan cada vez máis insuficientes.
  • Espazos deportivos propios en Ferrol e relanzamento da cooperación neste terreo co seu concello.
  • Ampliación do Pavillón de Elviña dentro do Campus Center, o que facilitará o uso compartido para actividades docentes da Facultade de Ciencias da Educación.
  • Colaboración co concello da Coruña para a creación e ampliación de espazos deportivos compartidos no campus de Elviña e para a programación de actividades conxuntas.
  • Articular coa Facultade de Ciencias do deporte e a educación física un programa baseado na oferta e na demanda de actividades, servizos e espazos, coa optimización dos seus recursos humanos, materiais e infraestruturas, en beneficio da comunidade universitaria.
  • Impulso decidido ás actividades náuticas, grazas á inminente remodelación da Aula náutica do dique de abrigo, que permitirá poñer en valor esas instalacións privilexiadas.
  • Dotar da infraestrutura necesaria ás instalacións de Elviña para cumprirmos coas demandas da comunidade universitaria en materia de actividade física e deportiva (ximnasias suaves e de mantemento, mellora da condición física, actividade física saudable...).

 

 

 

7. Internacionalización da Universidade da Coruña 

 

Internacionalización da Universidade da Coruña en todos os seus ámbitos


A tendencia á mundialización que se aprecia en todos os ámbitos da sociedade ten repercusións innegables no sistema universitario. A regulamentación que se produce á niveis transnacionais implica a necesidade de formalizar moi diversas fórmulas de colaboración entre institucións universitarias dos cinco continentes. Neste sentido, propómonos deseñar unha política propia de proxección internacional e formular, asemade, unha organización baseada na cooperación e na participación de todos e de todas:
  • Creación dunha Comisión de asuntos internacionais.
  • Elaboración dun plano director de relacións internacionais.
  • Mellora da coordinación na aplicación dos programas internacionais.
  • Mellora da xestións das accións relativas a programas internacionais.
  • Fomento dos centros como promotores e xestores de actividades internacionais.

A partir desta estrutura de funcionamento, poderemos acadar tres obxectivos concretos: transformar a Universidade da Coruña nunha universidade de referencia no campo da internacionalización da educación superior; potenciar as redes e grupos de investigación que traballan no campo da cooperación e do desenvolvemento; fomentar accións de impacto internacional de carácter solidario, social e educativo.

 

A Universidade da Coruña, referencia no campo internacional da educación superior

 

A internacionalización da Universidade da Coruña representa unha condición inescusable de mellora e de desenvolvemento en calquera aspecto da vida académica e profesional de todos os sectores da comunidade universitaria. Para alén de continuar a ser unha universidade de acollida para centos de estudantes europeos, propomos traballar na ampliación de convenios para atraer estudantes procedentes doutras partes do mundo, especialmente no referente a estudos de máster e de doutoramento. Asemade, pretendemos potenciar os programas de intercambio do profesorado e do persoal de administración e servizos nun contexto xeográfico amplo.
  • Fomento da participación en programas internacionais.
  • Fomento das relacións con Latinoamérica, centro e este de Europa e países de fala lusófona.
  • Fomento do intercambio e da mobilidade para o estudantado, PDI e PAS.
  • Fomento da oferta de titulación conxuntas con universidades estranxeiras.
  • Proxección internacional dos estudos de máster e de doutoramento.
  • Promoción dos programas de mobilidade estudantil, co acento na realización de prácticas de empresas en países europeos. A tal fin, aumentarase a participación da Universidade da Coruña no programa Leonardo e desenvolverase a recén creada modalidade de prácticas Erasmus.
  • Incremento nas axudas a estudantes para mobilidade internacional.

 

Unha aposta pola internacionalización da investigación


A Universidade da Coruña aposta decididamente por fortalecer e ampliar a súa vocación internacional na investigación, mediante a consolidación dos grupos de investigación pluridisciplinares existentes e o impulso á creación doutros que participen en redes temáticas de cooperación internacional que formulen políticas, proxectos e accións de cooperación ao desenvolvemento dirixidos aos países do Sur.
  • Impulso das iniciativas académicas e investigadoras de cooperación ao desenvolvemento.
  • Convocatoria de axudas para proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

 

Unha internacionalización social e solidaria


A Universidade da Coruña traballará na potenciación de políticas internacionais de carácter social e educativo para desenvolver instrumentos que permitan aumentar o noso papel no maior acceso da poboación dos países en vías de desenvolvemento á cadea educativa, ata a educación superior. Asemade, promocionaranse accións que xeren un maior acceso aos servizos sociais básicos.
Para alén de consolidar e desenvolver os logros destes últimos catro anos, a Universidade da Coruña haberá de poñer en marcha as seguintes accións:
  • Oferta de novos idiomas e potenciación do Centro de linguas como instrumento da comunidade universitaria con novos servizos, como o de tradución.
  • Fomento do emprego de idiomas estranxeiros na impartición de docencia.
  • Elaboración de materiais informativos específicos do ámbito internacional.
  • Recoñecemento do labor do profesorado responsable de actividades de cooperación académica internacionais.
  • Fomento das relacións coas comunidades galegas do exterior.

 

 

 

8. Campus, cidade, territorio, medio ambiente

Os campus da Coruña e Ferrol como elementos de equilibrio e cohesión territorial


A Universidade da Coruña debe ser incluída nas directrices de Ordenación do territorio de Galicia, en tramitación, como unha peza básica no equilibrio e cohesión territorial do país. A eficiencia e a responsabilidade, principios centrais da autonomía universitaria para a prestación do servizo publico, non fican á marxe do emprazamento dos equipamentos universitarios e da súa correcta conexión, a través de infraestruturas, co territorio e a cidade-rexion na que se empraza.
No marco da sustentabilidade, a planificación urbanística que impulsamos aposta decididamente pola concentración dos edificios e das instalacións universitarias en espazos que fortalezan o sistema urbano e territorial no que se emprazan. Os planeamentos municipais deberan situar as reservas de solo en posicións que permitan crear sinerxías coas infraestruturas universitarias xa existentes.


O planeamento urbanístico dos campus e a revisión do Plano xeral municipal da Coruña


A revisión dos Planos xerais de ordenación urbana da Coruña e de Ferrol posibilitará novas propostas urbanísticas para os nosos campus. O novo Plano da Coruña deberá deseñar instrumentos de xestión urbanística para a execución definitiva do Plano parcial do campus aprobado hai dezaseis anos. A consideración dos campus como parte do sistema xeral de equipamentos de uso docente universitario posibilitará que a adquisición de solo sexa soportada de forma equilibrada entre todos as institucións públicas.
Cómpre que o planeamento abra a posibilidade de conexión entre centros e cambie a ordenanza de edificación illada que impide o establecemento de servizos comúns que axudarían a resolver déficits espaciais e a crear escenarios de relación do colectivo universitario, como serían servizos comúns intercentros de cafeterías ou comedores, salóns de actos, etc.
Baixo esa consideración deberán contemplarse as propostas de intermodalidade, de centralidade territorial ou de solución de déficits dotacionais que se analizan de seguido.

 

O Campus Center do campus de Elviña

 

O proxecto de Campus Center segue o modelo dun grande centro de actividades e servizos para a comunidade universitaria, común noutros países. A centralidade territorial e urbana do Campus Center garántese, entre outras razóns, pola habilitación dos terreos situados ao longo da vía de ferrocarril e da estación intermodal. Suporá unha importante ampliación dos espazos destinados a usos universitarios e urbanos e abrirá novas perspectivas tanto para a comunidade universitaria como para a cidade.
  • Creación de áreas administrativas e de espazos para vicerreitorías cuxa presenza nos campus sexa conveniente.
  • Creación dunha nova área residencial, anexa ao comedor universitario, que se suma á que está en marcha.
  • Ampliación de equipamentos deportivos cubertos para a Área de deportes e para usos docentes da Facultade de Ciencias da educación.
  • Creación de infraestruturas culturais en pleno campus.
  • Creación de locais comerciais, como a librería universitaria.
  • Integración da estación intermodal.

 

Mobilidade territorial


A garantía da mellor accesibilidade aos campus continúa a ser unha prioridade estratéxica da nosa Universidade que, como nos outros casos, debe ser contemplada de maneira global no marco da cohesión territorial da rexión urbana A Coruña-Ferrol. Dentro da necesaria redefinición do transporte urbano e interurbano, a nosa aposta decidida polo ferrocarril non exclúe outras modalidades.
  • Inclusión no Plano xeral de ordenación urbana da Coruña da estación intermodal de Elviña como elemento do sistema xeral de infraestruturas na escala territorial,
  • Medidas que posibiliten a mobilidade alternativa: carril bici e acceso peonil.

 

Resolución de déficits en infraestruturas docentes e de investigación


Na actualidade, existen importantes déficits nestas infraestruturas que afectan a centros con elevado número de estudantes e que, para alén do anterior, son unha pexa para as esixencias de adaptación ao Espazo europeo de educación superior.
  • Inclusión dos terreos fronte á Escola de Camiños e a Facultade de Informática como solo edificable para resolver os déficits de espazo dos centros.
  • Salvar o desnivel entre o plano do Parque tecnolóxico e o plano dos centros.

 

Área residencial na Coruña


As necesidades e demandas de aloxamento universitario, no marco da mobilidade estudantil, son imperiosas e foron abordadas desde o primeiro momento. O froito dese longo traballo, que implica a diferentes administracións, está a piques de concretarse:
  • Entrega inmediata do proxecto da área residencial 1.
  • Promoción da segunda fase da área residencial universitaria, integrada no Campus Center.

 

Polos universitarios cidadáns


A Universidade da Coruña ten a vantaxe de contar con campus situados no tecido urbano e, ademais, conta con edificios singulares no propio centro da Coruña que deberán ser postos en valor como elementos de relación e de conexión cultural e social cos cidadáns.
  • Converter a Reitoría da Maestranza nun polo de actividade universitaria e cidadán, con usos que permitan a súa integración co tecido social da cidade histórica.
  • Creación en Riazor dun polo cultural universitario, con espazos destinados a cultura, servizos de estudantes e docentes e de cidadáns en xeral.
  • Cualificación do espazo público da Cidade Escolar-Parque.

 

A Universidade da Coruña e o Plano xeral de ordenación urbana de Ferrol


No caso de Ferrol, o próximo Plano xeral debe prever solo suficiente para a ampliación do Campus universitario en Esteiro, de modo que poida desenvolvelo como campus central da cidade e acorde coas demandas do Espazo europeo de educación superior.
  • Novo centro para grao e posgraos da Escola de Enxeñeiros.
  • Posta en marcha do Centro cívico universitario e cualificación do espazo público de Esteiro.
  • Residencia de estudantes.
  • Vivendas en alugueiro a estudantes.
  • Demanda e negociación coas institucións responsables para a creación dunha área deportiva propia.

 

Xestión medioambiental


A creación da Oficina de medio ambiente, que desenvolverá as políticas ambientais da Universidade da Coruña, dá un impulso á nosa aposta neste campo e permitirá canalizar e desenvolver a corresponsabilidade dos centros.
  • Fomentar a reutilización e reciclaxe en toda a Universidade. Utilización de medios alternativos ao papel cando for posible.
  • Desenvolvemento do Plano especial de protección do medio ambiente nos campus, mediante convenio coa Consellería de medio ambiente.
  • Posta en execución do Convenio para determinar a pegada ecolóxica da Universidade da Coruña: consumo de CO2 por tránsito de vehículos, consumo enerxético dos edificios, etc.
  • Plantación de especies autóctonas e habilitación de espazos verdes, consonte os resultados dos anteriores convenios o demanden.

 

 

 

9. Transparencia e eficacia na comunicación

 

Os valores de 2003 e a situación actual


O valor que se lle daba á transparencia no noso programa de 2003 ía ter resultados prácticos e efectivos en todos os campos da xestión, mais en termos de comunicación cristalizou na política informativa seguida. Entendiamos e entendemos que a información é un patrimonio común e un valor en si mesma, sen que poida xustificarse ningunha censura nin usos partidistas dela. A web institucional abriu unha sección de prensa e comunicación onde se reflicten todas as notas de prensa xeradas por nós, os acordos de órganos de goberno e o resumo de prensa, amplo, plural e sen discriminación ningunha. Co mesmo espírito, o BIU (Boletín de información universitaria) apostou por reforzar o coñecemento e a visibilidade da nosa institución e das persoas que a conforman, de novo do modo máis plural. Cara a dentro, permítenos coñecer mellor o que somos, a investigación que se realiza, o carácter e funcións dos servizos, a actualidade cultural ou as informacións máis salientables, como modo de reforzar a nosa cohesión. Cara a fóra, o BIU leva a imaxe da Universidade da Coruña ao ámbito das empresas e institucións coas que colaboramos.

 

Un auténtico Gabinete de comunicación

 

A complexa e cambiante estrutura dos medios de comunicación fai necesario que o gabinete de comunicación reforce a súa composición para poder responder ás necesidades e á vontade con que se creou. O novo Gabinete poderá asumir tarefas hoxe dispersas: imaxe institucional, publicidade, recursos audiovisuais, televisión, promoción, etc.
Sen dúbida, o Gabinete de comunicación terá un carácter máis transversal, co apoio das novas tecnoloxías, e servirá mellor á visibilización do noso traballo.
  • Incrementar os recursos do Gabinete de comunicación.
  • Incremento da comunicación interna, para facilitar o mutuo coñecemento por parte dos colectivos que forman a Universidade da Coruña (PDI, PAS e estudantes).
  • Estimular a divulgación da nosa investigación nos medios.
  • Construción dunha sala de prensa polivalente na Maestranza.
  • Aplicación das novas tecnoloxías da información ao proceso comunicativo.
  • Reformar e actualizar a imaxe institucional e o noso libro de estilo.
  • Procurar unha visibilidade maior da Universidade da Coruña na sociedade e nos ámbitos galego, español e internacional.

 

A web como xornal electrónico


O portal da Universidade da Coruña está nun proceso de adaptación ás necesidades xeradas neste tempo. A política de transparencia informativa multiplicou os seus contidos mentres que o deseño básico permaneceu practicamente inalterado. Actualmente se traballa no novo portal web da Universidade da Coruña, configurado como xornal electrónico, que permitirá discriminar a información segundo o perfil da persoa usuaria e con relevancia en portada das noticias máis recentes. Deste modo, a navegación será máis cómoda e, sobre todo, máis eficaz.

 

 

 

10. A normalización da lingua galega

 

A normalización da lingua galega na Universidade da Coruña


Nestes catro anos sentáronse as bases para a posta en marcha dunha verdadeira política de normalización lingüística na Universidade da Coruña e déronse pasos importantes nese sentido, como o nomeamento dun director/a do Servizo de normalización lingüística, a aprobación do Regulamento de usos da lingua galega e a elaboración, aprobación e inicio de posta en funcionamento do noso Plano de normalización lingüística, co nomeamento dunha comisión de seguimento.
Desde o punto de vista dos recursos ofrecidos á comunidade universitaria, existe hoxe un variado número de publicacións, manuais e vocabularios, editados polo Servizo de normalización, que facilitan o uso cotián do galego nas nosas actividades. As accións de difusión inclúen concursos, como o Luísa Villalta, que pasaron a ser compartidos polas outras universidades galegas.

 

As metas do Plano de Normalización Lingüística

 

O novo período que se abre despois das eleccións deberá dar culminación ao proceso posto en marcha. En concreto, estas son as medidas que nos comprometemos a levar a cabo:
  • Consolidar o Servizo de Normalización Lingüística mediante a dotación do persoal fixo necesario para o desenvolvemento das súas funcións.
  • Reforzar o carácter transversal da normalización lingüística, facendo depender organicamente o SNL da Secretaría Xeral.
  • Desenvolver, durante os próximos catros anos e de acordo coas prioridades que vaia fixando para cada curso a Comisión de Seguimento, o Plano de normalización lingüística da Universidade da Coruña, aprobado a finais de 2006, de modo que ao finalizar o mandato se teñan alcanzado os seus principais obxectivos.
  • Propiciar o pleno cumprimento das disposicións legais existentes a respecto do uso do galego nos diferentes ámbitos universitarios.
  • Potenciar as comisións de normalización lingüística dos centros coa dotación de recursos que lles permitan levar a cabo actividades de normalización e impulsar a creación de comisións nos centros que aínda non as teñen.
  • Ofertar cursos de formación en lingua galega á carta para todos os colectivos universitarios que o solicitaren, así como fornecer os recursos e o material bibliográfico de apoio que se consideraren necesarios.
  • Aumentar o uso do galego na docencia mediante unha política de incentivos, como a súa inclusión a efectos de POD no primeiro ano de adaptación.

 

11. Universidade crítica, universidade participativa e solidaria

 

A igualdade de xénero


A incorporación das mulleres á docencia, á investigación e á xestión de cargos de responsabilidade, tanto nos órganos de goberno como no persoal de administración e servizos, xunto co paulatino aumento de alumnas na nosa Universidade, supoñen un innegable avance cara a normalidade na integración do colectivo feminino en todos os espazos do ámbito universitario. Mais, como é sabido, a incorporación das mulleres aínda non é igualitaria.
Un paso importante foi a creación, en 2006, da Oficina de igualdade de xénero da Universidade da Coruña, que expresaba materialmente a vontade deste reitorado por levar adiante políticas de xénero. O premio Muller, arte e ciencia, outorgado á profesora María Wonemburger, foi a primeira visualización deste compromiso.
Mais para que o obxectivo da incorporación equitativa das mulleres sexa efectiva, non só é preciso un cambio de mentalidades, mais un cambio organizativo nos nosos centros e servizos e que as persoas con cargos de representación na nosa Universidade se impliquen e colaboren na xeración destes cambios.
Na procura dunha igualdade real entre homes e mulleres, a Universidade da Coruña promoverá accións tendentes a:
  • Sensibilizar sobre as situacións de discriminación.
  • Promover o cumprimento das recomendacións da Comisión Europea para lograr a igualdade de xénero, así como as normativas recollidas na Lei Orgánica de Reforma da LOU e na Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva entre mulleres e homes.
  • Traballar con institucións locais, autonómicas e internacionais para facilitar e impulsar accións que garantan condicións igualitarias para o acceso e promoción de mulleres e homes na actividade docente, investigadora, laboral e representativa da Universidade da Coruña.

 

A cooperación para o desenvolvemento e o voluntariado


A Universidade da Coruña que queremos aposta pola participación social, coa meta de que a comunidade universitaria, en particular, e a cidadanía galega, en xeral, conformen unha sociedade máis crítica e comprometida cos dereitos humanos e a xustiza social.
A Oficina de Cooperación e Voluntariado quer aparecer como foro universitario galego de referencia no campo da cooperación ao desenvolvemento. Neste período que agora finaliza, a Oficina de Cooperación e Voluntariado debe aumentar a súa visibilidade nos campus universitarios. Deste modo, será máis doado propiciar a participación de estudantes, docentes, grupos de investigación e persoal de administración e servizos nos proxectos, tanto no Norte como no Sur. O Fondo 0.7% UDC e as convocatorias de Axudas a proxectos de investigación en cooperación ao desenvolvemento, máis os Proxectos de coñecemento da realidade, pretenden consolidarse como dúas ferramentas estables e crecentes que permitan realizar actuacións de calidade.
A Oficina de Cooperación e Voluntariado debe servir tamén como espazo de traballo do resto de axentes no campo da cooperación ao desenvolvemento (ONG, concellos, institucións). É preciso continuar, reforzados en medios humanos e materiais, o labor de asistencia técnica sobre o terreo e as propostas de elaboración das políticas, códigos e directrices a través da Comisión de cooperación e outros foros conxuntos co resto das universidades.
Por último, a Oficina de cooperación e voluntariado quer continuar mellorando a súa oferta de Educación para o desenvolvemento, mediante unha formación crítica que permita coñecer as causas das inxustizas sociais, as políticas internacionais e as ferramentas e solucións que loiten contra a desigualdade no mundo. A través de seminarios, xornadas e cursos de contrastada calidade, preténdese dotar á comunidade universitaria e á sociedade galega en xeral dos coñecementos para comprender e actuar no contexto socioeconómico no que viven.
  • Fomentar a cultura crítica contra as inxustizas sociais en calquera ámbito.
  • Aumentar a visibilidade da Oficina de cooperación e voluntariado para implicar o maior número de estudantes, docentes, grupos de investigación e persoal de administración e servizos.
  • Incrementar as axudas do Fondo 0.7% UDC para proxectos de cooperación ao desenvolvemento.
  • Incrementar os cursos ofrecidos e contribuír á aparición de novos axentes sociais para a cooperación.
  • Ligar as accións de cooperación ás políticas de internacionalización da nosa universidade.

 

Comprometidos con Galicia

 

Sobre todas as reformas iniciadas por este reitorado, hai un principio que nos guía: a vontade da Universidade da Coruña de construír país, de construír unha Galicia máis próspera, rica, culta, emprendedora, igualitaria e democrática. Este principio pode acharse por igual tanto nas políticas culturais ou lingüísticas como no ámbito do I+D+i, nos viveiros de empresas ou no desenvolvemento tecnolóxico. Sabemos que, sendo mellores, avanzando, contribuímos ao avance de Galicia e dos galegos e as galegas.
Aprendemos dos erros do pasado. Unha mal entendida competencia entre universidades galegas deixou anos atrás un rastro de deficiencias estruturais que agora pagamos todas. A Universidade da Coruña, sen renunciar en nada aos seus intereses lexítimos e á xusteza das súas demandas, procura e procurará o diálogo entre as universidades e o destas coas institucións responsables, sempre sobre bases razoables e obxectivables. Galicia e as súas universidades, afortunadamente plurais en medios e recursos, constrúese co acordo e con sentido e vontade de país.

 



 12. Campus de Ferrol


A coordinación do Campus de Ferrol deberá manter, como liñas básicas, a máxima descentralización na xestión, sexa de tipo económico, docente ou investigador. Incentivarase a participación dos membros da comunidade universitaria de Ferrol nos órganos de goberno e xestión da Universidade, coa garantía da súa presenza neles. Para a transferencia e a proxección social, propóñense as seguintes liñas de actuación:
  • Facilitar a transición ao proceso de integración no Espazo europeo de educación superior dos centros e titulacións de Ferrol.
  • Posta en marcha de novos programas oficiais de posgrao.
  • Consecución dunha residencia universitaria en Ferrol.
  • Consecución de espazo físico para poder crecer na cidade de Ferrol: edificios para docencia e investigación, centros tecnolóxicos, equipamentos e servizos, infraestruturas deportivas...
  • Finalización da construción do Centro cívico universitario de Ferrol e posta en marcha dunha oferta maior de actividades culturais e deportivas no Campus, ligadas a este centro.
  • Continuación e potenciación da campaña de captación de alumnado a través da coordinación con centros educativos e de visitas organizadas ao Campus.
  • Mellora do transporte entre os campus da Coruña e de Ferrol e entre os diferentes centros da cidade.
  • Procura de alternativas para os problemas actuais de estacionamento.
  • Aumento do persoal de administración e servizo no Campus de Ferrol.

Prioridade para todas as accións que contribúan ao progreso e á difusión das actividades docentes, científico-tecnolóxicas e culturais no contorno social de Ferrol.