5 oct 2011

Visita a Facultade de Economía e Empresa

O Decano da Facultade, Anxo Calvo Silvosa, realiza a presentación de Xosé Luís Armesto, que inicia a súa intervención explicando que, se el é candidato, é porque José María Barja non pode presentarse á reelección, debido á reforma estatutaria que Nova Luce impulsou, limitando os mandatos. Interpretamos que a limitación inclúe aos membros do equipo de goberno, que só poden participar en dous mandatos consecutivos, como sucede co Vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, presente na sala, que non continuará en virtude desa limitación.

Xosé Luís Armesto realiza un repaso xeral da situación actual da Universidade: a universidade como servizo público, o financiamento, a percepción social da institución, as taxas, a colaboración, a internacionalización, a mellora da xestión, o cómputo das actividades do profesorado, etc.
No turno de intervencións do público, solicítase maior información sobre o cómputo de actividades de profesorado e o plano de dedicación académica individual; sobre os estudos de Medicina; sobre a residencia universitaria; exponse a inquietude sobre os datos e os indicadores que se están a utilizar para avaliar as actividades do profesorado e as titulacións; pregúntase a súa opinión sobre as normas de permanencia e sobre o tamaño dos grupos.

Nas súas respostas, Xosé Luís Armesto indica que a solución para os estudos de Medicina pasa pola cooperación entre as tres universidades, cun título interuniversitario, solución adoptada en universidades catalás, –e a súa proposta tamén para títulos con pouca demanda–; subliña a necesidade dunha residencia digna, con prezos públicos, que poida utilizarse en períodos non lectivos para outras actividades da universidade como congresos; canto á permanencia asegura que cre máis nos incentivos que en medidas penalizadoras e que aínda non temos resultados nos graos; no relativo ao tamaño dos grupos reitera o seu compromiso coa adaptación do tamaño dos grupos á atención personalizada do alumno.