4 oct 2011

Visita as Facultades de Sociología e Ciencias da Comunicación

A Vicedecana da Facultade de Socioloxía, Laura Oso, presenta a Xosé Luís Armesto. A reunión celébrase na Sala de xuntas da Facultade. O candidato indica que non vén presentar o programa por que aínda non están convocadas as eleccións, cando estean convocadas voltará, co programa e con propostas concretas. A reunión pretende servir para realizar reflexións conxuntas, e recibir propostas e suxestións e, se for o caso, críticas, xa que na súa condición de vicerreitor comparte os éxitos e os fracasos do equipo reitoral. Como noutras intervencións, fai fincapé na necesidade dun financiamento público e adecuado para o servizo público de educación superior. Por exemplo, o plano de financiamento que se está a discutir lesiona os intereses da Universidade da Coruña, polo que non podemos apoialo.

A Universidade non só é responsábel da formación de bos profesionais, tamén ten que xerar coñecemento: necesitamos ser institucións investigadoras. Se non fose así, non seríamos universidade, seríamos outra cousa diferente. Para que a actividade investigadora se poida desenvolver é fundamental dispor dun número axeitado de profesores doutores permanentes. Nos próximos catro anos deberemos continuar a mellorar o persoal da universidade, apoiando a promoción a través da cualificación. As persoas, o persoal docente e investigador, o de administración e servizos, os e as estudantes, serán o noso obxectivo prioritario.

Nas súas intervencións o público trata cuestións como o papel da docencia ante a presión que sufre o profesorado para investigar e ter bos resultados de investigación; a burocratización da actividade do profesorado; a situación das titulacións con baixa demanda; a plena incorporación da docencia nos mestrados no POD; a necesidade de simplificar e profesionalizar a xestión da calidade; a estrutura dos grupos docentes; a necesidade de difusión internacional dos mestrados e doutoramentos.

No seu turno da palabra, Xosé Luís Armesto, responde que hai que ir cara a un sistema que inclúa todas as actividades que realiza o profesor, o plan de actividades individuais, para que se lle recoñezan todas e todas poidan ser utilizadas en avaliacións e acreditacións; que hai que racionalizar os procesos e avanzar na administración electrónica (por exemplo, que a información que xa está na institución non volva solicitar), para isto aposta por reforzo da xerencia; que a universidade é un servizo público e non se rexe por criterios de rendibilidade económica, por tanto, as titulacións con baixa demanda melloraranse mais non se prescindirá de ningunha; que unha vez finalizada a implantación dos graos a docencia dos mestrados incorporarase plenamente ao POD; que a estrutura dos grupos docentes adaptouse ás necesidades de cada centro e que a implantación dos graos mostrará se é preciso flexibilizala aínda máis ou realizar cambios. Conclúe co seu compromiso co apoio á internacionalización dos estudos da Universidade da Coruña.