25 mar 2011

Valedor

O claustro universitario ven de elixir a Enrique Martínez Ansemil como valedor Universitario. Trátase dun feito que pode ser perfectamente cualificado de "histórico" ao ser o primeiro valedor da UDC escollido por votación do claustro. En consecuencia, constitúe a culminación dunha serie de reformas emprendidas para dotar á UDC dun funcionamento aberto, transparente e participativo e, asemade, significa o cumprimento dunha compromiso electoral formulado nas últimas eleccións ao claustro de Nova Luce.

Queremos agradecer publicamente aquí o labor realizado por Enrique Martínez Ansemil, quen, como home de diálogo e de consenso, asentou a súa candidatura nun amplo proceso de diálogo cos distintos grupos e organizacións de profesorado, estudantes e PAS presentes no claustro. Estas conversas converteron o Prof. Martínez Ansemil no candidato a valedor de toda a comunidade universitaria e isto reflectiuse con clareza no claustro do día 25 de marzo. Agora, todos e todas os que formamos parte da Universidade da Coruña desexámoslle, ao até agora claustral, a mellor das sortes nas súas novas responsabilidades porque do seu labor depende en gran medida o éxito do modelo de garantías e transparencia da UDC. Estamos seguros que as desenvolverá con principios éticos, solvencia, autonomía, independencia e transparencia. Boa sorte.

Por último, cómprenos agradecer a todos os membros do claustro a confianza depositada no valedor electo e o esforzo de cada un/ha para conseguir este logro colectivo tan importante para a comunidade universitaria da UDC.

13 mar 2011

Racionalizar a oferta

Julio Abalde (Catedrático de Microbioloxía, UDC), © La Voz de Galicia 13/3/2010.

Asistimos estes días a un debate público sobre a oferta de titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG), sobre a supresión de títulos, especialmente másteres que non alcancen cinco alumnos (e por que cinco?). Neste debate subxace unha cuestión economicista, justificada pola crise económica que vivimos.

Inclúense os títulos sen matices, sen discusión sobre a pertinencia de que o SUG dispoña dun determinado título, independentemente da demanda. Os másteres, por definición, son titulacións de formación especializada e, por tanto, minoritarios sen que a súa calidade resíntase.

Moitos títulos que están a saír na prensa son interuniversitarios que, loxicamente, non serán suprimidas. Outro exemplo: neste momento as mellores universidades europeas están a potenciar másteres internacionais, Erasmus Mundus; en cada institución só hai 2 ó 3 alumnos matriculados. debemos suprimilas? Por suposto que non.

Outro aspecto é a redución efectiva de custo que supón a eliminación dunha titulación, non vaia a ser que eliminar estes títulos produza unha redución mínima de custos e un empobrecimiento académico do SUG.

Por tanto, a adaptación da oferta de titulacións debería definirse en termos do SUG, de forma sosegada e tras un amplo debate académico, en función da calidade dos programas, dos obxectivos estratéxicos das Universidades e da rendibilidade educativa e social, sen esquecer o custo. En definitiva, racionalizar, optimizar e mellorar a oferta, por suposto, pero como dicimos os galegos con "sentidiño".