28 abr 2010

A Universidade: un investimento estratéxico nun momento de crise

Nun momento de crise económica, social e cultural como o presente, a sociedade precisa de institucións que contribúan a lles dar solucións reais aos problemas cos que se enfronta. A complexidade e o dinamismo actuais caracterizan o contorno onde se ten que desenvolver a actividade de persoas, empresas, administracións e todo tipo de colectivos. Por tal motivo, en moitas ocasións, as vellas receitas deixan de ser de utilidade e cómpre buscar respostas novas e innovadoras con firme sustento no pensamento, na ciencia e na técnica.

É neste contexto onde a Universidade se revela como un dos axentes que, sen dúbida, pode contribuír de maneira máis eficaz e eficiente á busca de solucións que permitan superar a crise. Non debemos esquecer que todas as sociedades avanzadas do noso contorno están a facer un esforzo importante para poder acometer os investimentos en formación superior e en I+D+i que os novos tempos demandan. Non resulta difícil comprobar como aqueles países que destinan maiores recursos financeiros ás súas universidades son aqueles que gozan de mellores niveis de benestar e desenvolvemento económico para o conxunto dos seus habitantes. Asemade, poderíase afirmar que tamén son eses países os que contan con maiores recursos e capacidades para facer fronte ás crises e saír delas fortalecidos. En consecuencia, pódese establecer unha ligazón bastante clara e intensa entre investimento público en educación superior, debidamente complementado co que realizan as empresas e o sector privado, e capacidade colectiva de superación dos problemas sociais e económicos. Dentro do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), Suecia, Dinamarca, Finlandia ou Alemaña son bos exemplos do devandito.

A maior abastanza, poderíase chegar a afirmar que obxectivos formulados publicamente por gobernos e por organismos internacionais (por exemplo, a consecución dunha economía baseada no coñecemento, o cambio de modelo produtivo, a consecución dunha economía sustentable, etc.) son practicamente inviables, ou resultan simplemente imposibles, se tales institucións non fan unha formulación clara a respecto dos recursos financeiros que están dispostos a investir –non gastar- nas súas universidades públicas para que estas poidan dar formación de calidade, desenvolver investigación básica e aplicada e colaborar co mundo empresarial no ámbito da innovación.

Por todo o exposto, é difícil comprender os motivos que levan a determinados gobernos nun contexto como actual a poren as universidades públicas “contra as cordas” e, invocando unha suposta e nunca demostrada austeridade, profundaren aínda máis nas causas da crise (falla de competitivade do factor traballo, fenda tecnolóxica cos países do seu contorno, escaseza comparativa de capital intelectual, etc.) ao relearen coas universidades públicas dos seus territorios os volumes de fondos que van dedicar ao ensino superior. É tan difícil comprender que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior precisa un esforzo orzamentario público se queremos garantir o cumprimento dos seus obxectivos? Non se decatan que unha reforma de tal calado non pode saír “a custo cero” se queremos que o proceso conclúa con éxito? Resulta tan complexo captar que unha política de bolsas á investigación é indispensable e inadiable para colocar a investigación no nivel que marcan os indicadores en Europa? Por que non se acaba de comprender que as universidades públicas en determinados territorios, nomeadamente a UDC, precisan un esforzo adicional para colocala ao mesmo nivel doutras do seu contorno no que se refire a medios e instalacións ao servizo da comunidade universitaria? (pensemos no agravio que supón que en 2010 a UDC non teña ningunha praza pública de residencia universitaria e a pexa que isto lle supón para o intercambio de profesores e alumnos no contexto do EEES e de Latinoamérica).

Lamentablemente, a resposta a estas preguntas resulta obvia. Porén, os actuais gobernantes en Galiza, no canto de actuaren con seriedade e visión estratéxica, móvense no curtoprazismo máis absurdo que un pode imaxinar. Lembramos hoxe as verbas altisonantes do presidente da Xunta na inauguración do curso 2009/2010, cando lles pedía ás universidades galegas intelixencia e austeridade. Cumpriría retrucarlle a este señor que os pasos dados polas tres universidades do SUG hai uns meses cara á consecución de acordos para compartir recursos e capacidades son un exemplo para o conxunto do País. Un discurso político que se fundamenta non na austeridade, senón na indixencia para as universidades públicas non é recibo en 2010. Cumpriría pór enriba da mesa que o sistema de I+D+i, estratéxico en todo país do Primeiro Mundo, en Galiza descansa case de maneira total sobre o Sistema Universitario Galego. E, para rematar, cumpriría salientar que un novo acordo de financiamento que non responda a criterios de suficiencia, de servizo público, de rendición de contas e de equilibrio no contexto do SUG a través da necesaria nivelación entre os seus compoñentes sería unha fraude ao conxunto da sociedade galega.

21 abr 2010

Espazo Europeo e docencia

O futuro das Institucións de Educación Superior defínese en como se aborda a adaptación ao EEES que afectará decisivamente a calidade da súa oferta académica e formativa no futuro. A docencia impartida e a súa calidade é o elemento que define ás Universidades e é unha función exclusiva xa que a investigación, outra función tamén importante, é compartida con outros organismos públicos e privados de investigación, centros tecnolóxicos, etc. Por tanto, como se efectúe esa adaptación debe ser un aspecto prioritario da xestión dun equipo reitoral responsable.

Pois ben, este equipo reitoral deselvolveu con celeridade e eficacia os mecanismos necesarios para logralo. A transformación dos títulos realizouse establecendo previamente un marco común para que os centros, en estreita colaboración co vicerreitorado de Ordenación Académica e Titulacións, definisen a súa oferta con autonomía e responsabilidade. Este proceso ordenado deu con resultado que xa están en marcha 26 graos e neste momento están pendentes da resolución de verificación o resto, 12 graos, que ao tratarse de titulacións técnicas, precisaron que se aclara o panorama lexislativo. Por tanto, o proceso de transformación dos títulos desenvolveuse con orde, en tempo e cunha relativa tranquilidade grazas a acción decidida do equipo de goberno e a colaboración de toda a comunidade educativa: PDI, PAS e alumnado.

Pero o traballo do equipo non só cinguiuse a este proceso, ben ao contrario foi decisivo o seu impulso e apoio para dotar aos centros dos procedementos que permitisen realizar o seguimento dos títulos implantados. Neste sentido, participou activamente cos centros no deseño dos seus Sistemas de Garantía Interna de Calidade (SGIC) participando no programa FIDES-AUDIT, promovido pola ACSUG e ANECA. Na primeira convocatoria a nosa universidade obtivo certificación de 20 centros, a universidade do estado que máis centros certificou, e nesta convocatoria certificáronse os restantes co que a posta en marcha dos graos efectuarase cun SGIC certificado o que garantirá a mellora continua da oferta. Para os que lles gusta establecer comparacións, as outras institucións o SUG certificaron 11 centros e 0 centros cada unha na primeira convocatoria. Sobran as palabras.

Pero non só iso, puxéronse en marcha na primeira convocatoria o programa de Avaliación do Profesorado DOCENTIA, tamén certificado e recoñecido a nivel estatal. Efectuouse a primeira avaliación o pasado ano e neste momento desenvólvese a segunda. Un elemento importante, non único, deste proceso é a enquisa de satisfacción do profesorado e o alumnado. Neste aspecto, aínda que os datos melloran aos poucos, niveis medios de participación de 40% en profesorado e do 20% entre o alumnado, indícanos que é necesario un importante impulso a este proceso. Animamos ao equipo reitoral a que poña en marcha medidas que permitan que esta participación aumente e estamos seguros que o fará.


Xunto con este procedemento de mellora do proceso docente, o equipo de goberno segue traballando na posta a disposición dos centros, profesores e alumnos de novas e potentes ferramentas que faciliten as actividades docentes: a implantación e mellora da Plataforma Moodle, que aínda ten unha baixa utilización polo PDI, o sistema de xestión das guías das titulacións e guías GADU, plataforma de xestión dos SGIC, etc.


En conclusión, o traballo deste equipo reitoral, serio, responsable, constante e en estreita colaboración cos centros e a comunidade educativa, está a preparar á UDC para que o transito ao EEES realícese nas mellores condicións, sentando as bases para o desenvolvemento, calidade e mellora da oferta docente, garantía de futuro para a nosa Universidade tanto no ámbito Español como no Europeo.

19 abr 2010

Economía, xestión e prioridades

Sen querer recorrer ao manido tópico da crise actual, o certo é, e a ninguén se lle poderá escapar que, coa que está caendo ahí fora (e pregúntenlle tanto a sociedade en xeral como a moitas univesidades públicas en particular) a memoria de xestión que se presenta ao claustro, e particularmente a súa memoria económica, permítenos reflexionar, e coa certeza de non equivocarnos, de que esta Universidade está afrontando o actual contexto socioeconómico adverso co rigor orzamentario e coa responsabilidade académica necesaria para poder desenvolver os proxectos e compromisos eleitorais adquiridos, e ao respeito de:
  • Necesidades docentes e calidade da docencia.
  • Creación e consolidación de plantilla do PDI (e do PAS), e a súa promoción cualificada.
  • Investimento no campo tecnolóxico, de áreas e de infraestruturas.
  • Adaptación ao espazo europeo de educación superior, tanto académica (graos, mestrados e doutoramento), como de espazos.
  • Un longo etc. de accións que non se viron afectadas irremediablemente, como está a acontecer hoxe en día en boa parte da universidade pública estatal.
E todo isto cun financiamento que coloca á Universidade da Coruña no último posto das universidades públicas españolas no ratio euros por estudante, aspecto que obrigou a deseñar políticas estratéxicas e económicas planificadas que minorizaran esta eiva, e permitiran o normal desenvolvemento dunha institución con vocación universal, de progreso, de calidade e, por suposto, de servizo público, como o ven demostrando ano tras ano. Se ben compartimos a idea de que as sociedades modernas se caracterízan, entre outras moitas cousas, polo respeito ás opinións formuladas en democracia, non é menos certo que tamén se caracterizan por disentir ou discrepar delas e, a poder ser, con argumentos.

A memoria presentada polo Equipo de Goberno a debater e aprobar polo claustro Universitario constitúe a carta de presentación dunha xestión e dunha universidade cuns resultados determinados no ano 2009, os cales son presentados no devandito documento; unha memoria que todos e todas podemos coñecer, e posteriormente coincidir coa sua pertinencia, ou diverxer dela; pero a universidade que foi descrita no claustro desde algún sector, non parece ser a mesma universidade da que estamos a falar todos.

Alguén poderá pensar que o contexto económico desfavorable actual, a falta dun plan de financiamento acaido ás necesidades desta universidade e deste momento, a incerteza de cómo vai evolucionar a crise social que estamos a vivir, etc, etc, etc, son elementos que non poderían nen deberían condicionar en absoluto o funcionamento da universidade…pos están case no certo, e boa proba delo a temos nos esforzos realizados e os obxectivos acadados polo actual equipo de goberno, deseñando e executando unha acertada planificación estratéxica e económica, valente, prudente e, ao mesmo tempo, financieiramente viable, aprobada, ademais, por este mesmo claustro no ano 2008, onde foi aprobada conxuntamente a programación plurianual 2009-2010, así como os seus plans operativos anuais.

E na propia memoria descrébense con precisión feitos e realidades como:
  1. que en 2009 a evolución das transferencias correntes da xunta será semellante ao incremento do IPC, aumentando, sin embargo, por riba do agardado, os ingresos por matrícula (relacionado có número de estudantes).
  2. que en todo caso, o avance na adapatación ao EEES garántirase principalmente con fondos procedentes dos recursos propios dispoñibles (porque os había).
  3. que se poderán afrontar (insisto, incluso neste contexto desfavorable) os incrementos de persoal (PAS e PDI), así como os investimentos en infraestruturas.
  4. que se mantén o compromiso de crecemento de bolsas de estudantes.
  5. que se evitará recorrer ao incremento dos prezos públicos.
Incluso xa se fai referencia ao ano 2010, onde a planificación económica garante a continuidade da actividade corrente, incluso nun escenario desfavorable (sen ingresos da Xunta e sen plan de financiamento).

Esta é a realidade actual, cos seus pros e as súas contras; pero o que si semella evidente é que esta situación non vai poder ser mantida permanentemente, mais os datos, os números, os feitos e as consideracións expresadas nesta memoria, están moi lonxe dunha visión catastrofista e ficticia e, pola contra, os argumentos e consideracións positivas aquí manifestadas polo equipo de goberno, e nomeadamente polo responsable da planificación económica, non poden quedar no esquecemento premeditado, e crear unha imaxe ficticia desta universidade, que con moito esforzo, sacrificio e bo facer de toda a súa comunidade, está a sacar adiante o seu principal mandato e obxectivo, que é o de dar un servizo de formación superior, público e de calidade, á nosa sociedade.