21 abr 2010

Espazo Europeo e docencia

O futuro das Institucións de Educación Superior defínese en como se aborda a adaptación ao EEES que afectará decisivamente a calidade da súa oferta académica e formativa no futuro. A docencia impartida e a súa calidade é o elemento que define ás Universidades e é unha función exclusiva xa que a investigación, outra función tamén importante, é compartida con outros organismos públicos e privados de investigación, centros tecnolóxicos, etc. Por tanto, como se efectúe esa adaptación debe ser un aspecto prioritario da xestión dun equipo reitoral responsable.

Pois ben, este equipo reitoral deselvolveu con celeridade e eficacia os mecanismos necesarios para logralo. A transformación dos títulos realizouse establecendo previamente un marco común para que os centros, en estreita colaboración co vicerreitorado de Ordenación Académica e Titulacións, definisen a súa oferta con autonomía e responsabilidade. Este proceso ordenado deu con resultado que xa están en marcha 26 graos e neste momento están pendentes da resolución de verificación o resto, 12 graos, que ao tratarse de titulacións técnicas, precisaron que se aclara o panorama lexislativo. Por tanto, o proceso de transformación dos títulos desenvolveuse con orde, en tempo e cunha relativa tranquilidade grazas a acción decidida do equipo de goberno e a colaboración de toda a comunidade educativa: PDI, PAS e alumnado.

Pero o traballo do equipo non só cinguiuse a este proceso, ben ao contrario foi decisivo o seu impulso e apoio para dotar aos centros dos procedementos que permitisen realizar o seguimento dos títulos implantados. Neste sentido, participou activamente cos centros no deseño dos seus Sistemas de Garantía Interna de Calidade (SGIC) participando no programa FIDES-AUDIT, promovido pola ACSUG e ANECA. Na primeira convocatoria a nosa universidade obtivo certificación de 20 centros, a universidade do estado que máis centros certificou, e nesta convocatoria certificáronse os restantes co que a posta en marcha dos graos efectuarase cun SGIC certificado o que garantirá a mellora continua da oferta. Para os que lles gusta establecer comparacións, as outras institucións o SUG certificaron 11 centros e 0 centros cada unha na primeira convocatoria. Sobran as palabras.

Pero non só iso, puxéronse en marcha na primeira convocatoria o programa de Avaliación do Profesorado DOCENTIA, tamén certificado e recoñecido a nivel estatal. Efectuouse a primeira avaliación o pasado ano e neste momento desenvólvese a segunda. Un elemento importante, non único, deste proceso é a enquisa de satisfacción do profesorado e o alumnado. Neste aspecto, aínda que os datos melloran aos poucos, niveis medios de participación de 40% en profesorado e do 20% entre o alumnado, indícanos que é necesario un importante impulso a este proceso. Animamos ao equipo reitoral a que poña en marcha medidas que permitan que esta participación aumente e estamos seguros que o fará.


Xunto con este procedemento de mellora do proceso docente, o equipo de goberno segue traballando na posta a disposición dos centros, profesores e alumnos de novas e potentes ferramentas que faciliten as actividades docentes: a implantación e mellora da Plataforma Moodle, que aínda ten unha baixa utilización polo PDI, o sistema de xestión das guías das titulacións e guías GADU, plataforma de xestión dos SGIC, etc.


En conclusión, o traballo deste equipo reitoral, serio, responsable, constante e en estreita colaboración cos centros e a comunidade educativa, está a preparar á UDC para que o transito ao EEES realícese nas mellores condicións, sentando as bases para o desenvolvemento, calidade e mellora da oferta docente, garantía de futuro para a nosa Universidade tanto no ámbito Español como no Europeo.