28 abr 2010

A Universidade: un investimento estratéxico nun momento de crise

Nun momento de crise económica, social e cultural como o presente, a sociedade precisa de institucións que contribúan a lles dar solucións reais aos problemas cos que se enfronta. A complexidade e o dinamismo actuais caracterizan o contorno onde se ten que desenvolver a actividade de persoas, empresas, administracións e todo tipo de colectivos. Por tal motivo, en moitas ocasións, as vellas receitas deixan de ser de utilidade e cómpre buscar respostas novas e innovadoras con firme sustento no pensamento, na ciencia e na técnica.

É neste contexto onde a Universidade se revela como un dos axentes que, sen dúbida, pode contribuír de maneira máis eficaz e eficiente á busca de solucións que permitan superar a crise. Non debemos esquecer que todas as sociedades avanzadas do noso contorno están a facer un esforzo importante para poder acometer os investimentos en formación superior e en I+D+i que os novos tempos demandan. Non resulta difícil comprobar como aqueles países que destinan maiores recursos financeiros ás súas universidades son aqueles que gozan de mellores niveis de benestar e desenvolvemento económico para o conxunto dos seus habitantes. Asemade, poderíase afirmar que tamén son eses países os que contan con maiores recursos e capacidades para facer fronte ás crises e saír delas fortalecidos. En consecuencia, pódese establecer unha ligazón bastante clara e intensa entre investimento público en educación superior, debidamente complementado co que realizan as empresas e o sector privado, e capacidade colectiva de superación dos problemas sociais e económicos. Dentro do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), Suecia, Dinamarca, Finlandia ou Alemaña son bos exemplos do devandito.

A maior abastanza, poderíase chegar a afirmar que obxectivos formulados publicamente por gobernos e por organismos internacionais (por exemplo, a consecución dunha economía baseada no coñecemento, o cambio de modelo produtivo, a consecución dunha economía sustentable, etc.) son practicamente inviables, ou resultan simplemente imposibles, se tales institucións non fan unha formulación clara a respecto dos recursos financeiros que están dispostos a investir –non gastar- nas súas universidades públicas para que estas poidan dar formación de calidade, desenvolver investigación básica e aplicada e colaborar co mundo empresarial no ámbito da innovación.

Por todo o exposto, é difícil comprender os motivos que levan a determinados gobernos nun contexto como actual a poren as universidades públicas “contra as cordas” e, invocando unha suposta e nunca demostrada austeridade, profundaren aínda máis nas causas da crise (falla de competitivade do factor traballo, fenda tecnolóxica cos países do seu contorno, escaseza comparativa de capital intelectual, etc.) ao relearen coas universidades públicas dos seus territorios os volumes de fondos que van dedicar ao ensino superior. É tan difícil comprender que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior precisa un esforzo orzamentario público se queremos garantir o cumprimento dos seus obxectivos? Non se decatan que unha reforma de tal calado non pode saír “a custo cero” se queremos que o proceso conclúa con éxito? Resulta tan complexo captar que unha política de bolsas á investigación é indispensable e inadiable para colocar a investigación no nivel que marcan os indicadores en Europa? Por que non se acaba de comprender que as universidades públicas en determinados territorios, nomeadamente a UDC, precisan un esforzo adicional para colocala ao mesmo nivel doutras do seu contorno no que se refire a medios e instalacións ao servizo da comunidade universitaria? (pensemos no agravio que supón que en 2010 a UDC non teña ningunha praza pública de residencia universitaria e a pexa que isto lle supón para o intercambio de profesores e alumnos no contexto do EEES e de Latinoamérica).

Lamentablemente, a resposta a estas preguntas resulta obvia. Porén, os actuais gobernantes en Galiza, no canto de actuaren con seriedade e visión estratéxica, móvense no curtoprazismo máis absurdo que un pode imaxinar. Lembramos hoxe as verbas altisonantes do presidente da Xunta na inauguración do curso 2009/2010, cando lles pedía ás universidades galegas intelixencia e austeridade. Cumpriría retrucarlle a este señor que os pasos dados polas tres universidades do SUG hai uns meses cara á consecución de acordos para compartir recursos e capacidades son un exemplo para o conxunto do País. Un discurso político que se fundamenta non na austeridade, senón na indixencia para as universidades públicas non é recibo en 2010. Cumpriría pór enriba da mesa que o sistema de I+D+i, estratéxico en todo país do Primeiro Mundo, en Galiza descansa case de maneira total sobre o Sistema Universitario Galego. E, para rematar, cumpriría salientar que un novo acordo de financiamento que non responda a criterios de suficiencia, de servizo público, de rendición de contas e de equilibrio no contexto do SUG a través da necesaria nivelación entre os seus compoñentes sería unha fraude ao conxunto da sociedade galega.