23 jul 2010

Cando a árbore impide ver o bosque

Estes días apareceron na prensa apuntas sobre algúns indicadores das Universidades Españolas do Informe CYD. Na mesma infórmase que a UDC ocupa o número 10 en porcentaxe, non en número como se indica erroneamente no titular, de profesores funcionarios sobre o total do persoal docente cun 61% de profesorado funcionarios. No texto do artigo coméntase esta situación da UDC coas posicións que alcanza en distintos indicadores relativos a produción científica en distintas áreas de coñecemento, nas que a UDC ocupa posicións máis atrasadas, en torno ao posto 24-30. Como pode explicarse esta situación? É tan mala a actividade investigadora dos profesores da UDC?. Para analizar esta situación, non se pode utilizar só eses indicadores senón que hai que utilizar outros datos relevantes. Vexamos algúns, efectivamente a UDC ocupa o posto 10 en porcentaxe de profesores funcionarios sobre o total do PDI, pero se temos en conta o persoal total de PDI ocupa, segundo datos do INE, o posto 28, a última do SUG. Outro dato aínda máis relevante para a capacidade e actividade investigadora deste PDI é a proporción no persoal de Doutores, que son os que teñen plena capacidade investigadora; pois ben mentres a USC ten un 91% do funcionario doutor e a UVI un 78%, na UDC só un 68% dos seus funcionarios son Doutores. Neste último indicador, mentres a USC ocupa o posto 5 entre as universidades españolas e a UVI ocupa o posto 20, a UDC ocupa o posto 30. Aínda máis se temos en conta o total do persoal atopámonos que a USC ten 67% de doutores, a UVI un 50%, a UDC apenas presenta un 43% de PDI Doutor, e aínda encima é o persoal máis pequeno do SUG. Por tanto, con respecto á investigación a UDC ocupa, nin máis nin menos o posto que lle corresponde no concerto das institucións pola tipoloxía do seu persoal de PDI, tanto en tamaño como en cualificación. Isto significa que estamos satisfeitos coa nosa situación?, non. Estes indicadores e rankings teñen que utilizarse para saber onde estamos, cales son as nosas fortalezas e debilidades e que debemos facer para reforzar os primeiros e corrixir as segundas. Esta é a utilidade dos rankings, non para lanzalos uns a outros sen ter en conta as consecuencias para a institución. Ah!, para os que tanto gustan de rankings para valorar a actividade do equipo reitoral: acábase de publicar a edición de xullo do ranking web de universidades realizado polo CSIC desde hai varios anos e a UDC aparece por primeira vez entre as 500 primeiras universidades do mundo, en concreto no posto 451, avanzando 120 postos desde xaneiro de 2008. Entre as españolas ocupamos o posto 24, avanzando tres postos desde xaneiro de 2010. Para os que lles gustan as comparacións: no mesmo período de tempo a USC pasa do posto 18 ao 19 e a UVI do posto 16 ao 18. Que significa isto?, que a nosa institución se atopa nunha fase de mellora continuada con respecto á nosa contorna, nada máis.