20 dic 2010

Posicionamento de Nova Luce sobre o (pseudo)plan de financiamento

Durante a negociación e tramitación do plan de financiamento das universidades do SUG, Nova Luce decidiu expresar a súa opinión unicamente nos órganos de goberno da UDC, como sucedeu no último claustro, onde o equipo reitoral presentou para a súa aprobación o documento de liñas estratéxicas 2010-11. O pasado venres o Consello Galego de Universidades aprobou o chamado plan de financiamento para os anos 2011-2015. Cremos que é o momento de dar a nosa opinión.

En primeiro lugar, o que presenta a Xunta non é un plan, nin contén previsións claras a respecto do futuro, nin sequera están claros os criterios que se establecen nel. Ante a imposibilidade da Xunta de elaborar e propor un documento serio, sensato, razoable e coherente, o Goberno galego bótase pola rúa do medio: deixamos todo como está para o ano 2011 e xa veremos que facemos no 2012 e sucesivos.

O investimento anunciado pola consellería en universidades até o 2015 supón unha previsión do 0,65% en relación ao PIB para o período de vixencia, o que supón un retroceso significativo a respecto do 0,72% correspondente ao ano 2009. Aínda teremos que estar agradecidos por “só” reducirnos un 5% o orzamento para 2011 e contentarnos coa promesa de chegar ao final da lexislatura a un 1,01% do PIB. Difícil creeelo.

Esta situación é grave para o SUG, pero é dramática para a UDC. No momento da súa fundación, a UDC ocupaba o derradeiro lugar no financiamento por alumno —posto que non abandonou aínda— e presentaba importantes deficiencias en infraestrutura (a máis lacerante é a total inexistencia de residencias universitarias públicas nos campus da UDC). Entre 2004 e 2009 déronse pasos decididos para ir superando a situación de desequilibrio combinando xestión ordenada e realista con avances. Mais coa chegada do novo goberno en maio de 2009, paralízase a resolución do concurso de construción da residencia universitaria, suspéndense a dotación de infraestrutura con cargo a fondos FEDER comprometida por 10 millóns de euros, dificúltase o crecemento do parque tecnolóxico, suprímense os centros da Innovación do Plástico, do Naval, do Téxtil, etc. Tratase de afogar a UDC a través da paralización das súas apostas estratéxicas, impedindo que a UDC dese un salto cualitativo en calidade e competencia como institución de Educación Superior.

Nova Luce non só non está incómoda co feito de que o financiamento se estableza a partir de resultados, senón que apoia formulacións destas características xa que as valora como oportunidades para a mellora. Agora resulta que, despois de tanto enredar con tantas voltas, reviravoltas e indicadores deseñados ad hoc, e ante a incapacidade da Xunta para presentar un plan serio e capaz de pór o conxunto do SUG nunha posición favorable para competir coas universidades do mundo, a saída á situación é que… aplicamos criterios históricos e nos retrotraemos á foto fixa das universidades do SUG no ano 2005. Como di o vicerreitor, “lampedusianamente” cambiaron todo o plan para que nada cambie. Decepcionante.

Abofé que somos conscientes de que a conxuntura económica non é favorable, pero nun plan a 4 anos deben aparecer claramente expresados os mecanismos que permitan que esa converxencia poida realizarse. O contrario —é dicir, crear novas fendas no SUG e agrandar a xa existentes— é apostar por universidades que non serán capaces de destacar en ningún ámbito. Temos que saber que a competencia non se formula entre as universidades galegas, senón que o ámbito de actuación é hoxe en día internacional, mundial. Apostar por un SUG homoxéneo é garantía de cooperación e de avance conxunto das tres universitarias. O contrario é afundir as tres universidades e o país no seu conxunto na mediocridade.

Esiximos por tanto que da Xunta desbloquee dunha vez a construción da residencia universitaria, que se estableza mecanismos que permitan reducir a situación de atraso histórico da UDC e que se fixen uns criterios claros, definidos e xustos para o financiamento do conxunto do SUG. Mentres isto non se produza estaremos nun xogo onde algún dos xogadores xoga con cartas marcadas e o apoio do árbitro.

Versión completa do texto

19 dic 2010

Que din os rumorosos

© Xoán del Río, © EL CORREO GALLEGO 19/12/2010

1. Ten a Xunta definida algunha aposta de futuro que salvar da crise? Se as axudas ao sector do automóbil non frean os ERE, abandónanse á súa sorte aos investigadores, o sector audiovisual está a piques de botar o peche, como o fixeron miles de autónomos, os recortes financeiros asfixian aos ensinos medios e universitarios, a sanidade vai en franco declive e as prestacións sociais redúcense, Serán os "renove" -do moble ás xanelas- as únicas ideas "creativas" do Goberno autonómico?

2. É consciente a Xunta de que está a hipotecar o futuro de Galicia? Se, coa escusa falaz da falta de recursos, abandónanse os investimentos para avanzar en formación e en I+D, É consciente a Xunta que cando retorne a bonanza económica outros países e comunidades levarannos unha vez máis a dianteira de contar cunhas novas xeracións máis emprendedoras, mellor formadas e co valor engadido que supoñen os avances en investigación?

3. Até cando a desculpa da crise servirá de coartada? Como aos gobernantes hai que valoralos cando os ventos do progreso non son propicios, é agora mesmo cando hai que esixirlles que suplan diñeiro con traballo e imaxinación. Todo, menos a indolencia.
(Versión en galego: NovaLuce)

12 dic 2010

Cando a verdade molesta

Os resultados das últimas eleccións ao claustro parece que incrementou a sensibilidade dalgúns que tratan de superar a súa frustración acusando aos demais das súas propias debilidades. De tanto repetilas acaban créndose as súas propias mentiras. Alégranos que estudasen con tanto detemento o esforzo que fixo Nova Luce por presentar candidatos/as ao claustro. Nós tamén estudamos as listas de candidatos tratando de atopar aos autonomeados “renovadores” ou “alternativos” pero parece que só existen no mundo virtual.

Molesta que Nova Luce diga que o 90% dos seus candidatos foron elixidos. É fácil calculalo, presentanse 80 candidatos, no sector A e B, e son elixidos 71, o resultado é que o 88,89%, redondeando o 90 %, foi elixido. Non é opinión nin triunfalismo, son datos obxectivos. O resto dos elixidos é unha lexión de independentes que, como o seu nome indica, representan moi distintas e lexítimas opcións persoais. Ou é que se quere insinuar que non son independentes e todos pertencen a algunha das agrupacións críticas?. Iso, á parte dunha falta de respecto cara a eles, é totalmente falso e sabemos por que o dicimos.

Para atacar a NL trátase de desprezar aos candidatos elixidos nos centros nos que non foi necesario realizar eleccións. Tratamos de presentar o número de candidatos necesarios para cubrir só a maioría, norma que autoimponse Nova Luce para asegurar a representación das minorías. Neses centros presentáronse o número de “independentes” correspondente aos mínimos ou, como sucedeu en dous centros, nin sequera iso polo que existen 5 postos vacantes nos sectores de profesorado. Esa é a responsabilidade dos supostos grupos dunha oposición que minusvalora ao claustro e foron incapaces de promover a presentación dun número suficiente de candidatos. Xa nos gustaría realizar eleccións neses centros, algúns dos que asignan maior número de claustrais, para presentar as nosas propostas e contrastalas con algunhas afirmacións demagóxicas que tratan de desprestixiar á UDC e o seu goberno, que se verten fóra dos órganos correspondentes sen posibilidade de réplica.

Nova Luce non quería entrar nos resultados concretos de cada centro ou candidato/a pero as insinuacións desacredítanse con transparencia. Os membros do equipo reitoral, que todos foron candidatos, foron elixidos cunha única excepción na ETS Arquitectura. Nós considerámolo un éxito. Nin se nos ocorreu comentar a situación dun antigo candidato a reitor, actual claustral crítico co equipo de goberno, que lamentablemente non alcanzou a condición de electo. Tampouco queriamos comentar que un decano, ao que tan mal lle sentou o noso agradecemento, non gaña no seu centro quedado no terceiro posto empatado, vaia por Deus, co candidato de NL e ademais un dos membros do seu equipo decanal nin sequera é elixido. Isto si que é un éxito esmagador.

Nova Luce evita polémicas estériles, pero xa non pode permitir que se amenta unha vez máis á comunidade Universitaria. Quixo agradecer o apoio recibido a un proxecto representado por persoas que se presentaron baixo unhas siglas recoñecibles e para o claustro Universitario, ao que lle esperan catro anos de traballo. Esta é a nosa proxección de futuro, nada máis e... nada menos. Parece que molestou a quen nin sequera foron capaces de presentarse ante os seus compañeiros e que están noutra guerra que agora non toca. Tempo haberá para ese novo reto no que, non teñan dúbidas, Nova Luce estará.

11 dic 2010

Os Xovenes Investigadores e o I+D+i de Galicia

A asociación Precarios de Galicia remitenos un escrito sobre a situación do I+D+i na Galicia do Presidente Feijoo que consideramos relevante. Ahi vai unha parte do texto que se pode leer completo na sua web:

.... A última convocatoria xestionada polo goberno bipartito (2008) ofertou 586 prazas para estudantes de mestrado / DEA, investigadores predoutorais e posdoutorais e tecnólogos. Este ano, o goberno do Sr. Feijóo ten previsto sacar unha convocatoria de 15 prazas só para investigadores posdoutorais con máis de dous anos de estadías no estranxeiro (programa Isidro Parga Pondal) que, a diferenza de anos anteriores, non ten garantías de estabilización nin seguridade de prórrogas (e de cinco anos pasa a ser de soamente tres). Xa o ano pasado denunciábamos que o goberno do PP reducira en máis da metade o número de prazas para investigadores noveis e técnicos, cifra que agora se reduce nun 93,5%, ofertando só 15 postos de traballo: 15 cravos no ataúde da I+D+i en Galicia.

Desde a asociación de investigadores, técnicos e tecnólogos Precarios-Galicia, a Federación de Jóvenes Investigadores (FJI/Precarios) e a Asociación de Investigadores Parga Pondal criticamos duramente a política en materia de I+D+i do goberno de Feijóo, e pedimos ó colectivo investigador galego e á sociedade no seu conxunto que participe e apoie esta protesta.

- O goberno de Feijóo aniquila o sistema investigador galego.

- Non convoca nin as bolsas para estudantes de mestrado, nin os contratos para investigadores predoutorais, posdoutorais ou para técnicos de investigación, que son a base do noso sitema investigador.

- Únete á protesta: concentración detrás da Xunta (fronte á estación de autobuses) en Santiago de Compostela o xoves día 16 de decembro ás 12:00 h.

Implícate, é o momento de facerse oír!!

http://www.facebook.com/precariosgalicia

3 dic 2010

Grazas

Nova Luce agradece o apoio recibido do profesorado da UDC, que respaldou amplamente co seu voto o proxecto universitario representado polos nosos candidatos e polas nosas candidatas. Presentamos candidaturas en case todos os centros da Universidade e o 90% delas resultaron elixidas. Isto supón un avance claro a respecto das últimas eleccións ao Claustro. En consecuencia, os resultados acadados nas eleccións de onte permiten profundar nun modelo de universidade caracterizado pola defensa do ensino superior como servizo público e de calidade.

Con Nova Luce é posible, con Nova Luce sumamos.