20 dic 2010

Posicionamento de Nova Luce sobre o (pseudo)plan de financiamento

Durante a negociación e tramitación do plan de financiamento das universidades do SUG, Nova Luce decidiu expresar a súa opinión unicamente nos órganos de goberno da UDC, como sucedeu no último claustro, onde o equipo reitoral presentou para a súa aprobación o documento de liñas estratéxicas 2010-11. O pasado venres o Consello Galego de Universidades aprobou o chamado plan de financiamento para os anos 2011-2015. Cremos que é o momento de dar a nosa opinión.

En primeiro lugar, o que presenta a Xunta non é un plan, nin contén previsións claras a respecto do futuro, nin sequera están claros os criterios que se establecen nel. Ante a imposibilidade da Xunta de elaborar e propor un documento serio, sensato, razoable e coherente, o Goberno galego bótase pola rúa do medio: deixamos todo como está para o ano 2011 e xa veremos que facemos no 2012 e sucesivos.

O investimento anunciado pola consellería en universidades até o 2015 supón unha previsión do 0,65% en relación ao PIB para o período de vixencia, o que supón un retroceso significativo a respecto do 0,72% correspondente ao ano 2009. Aínda teremos que estar agradecidos por “só” reducirnos un 5% o orzamento para 2011 e contentarnos coa promesa de chegar ao final da lexislatura a un 1,01% do PIB. Difícil creeelo.

Esta situación é grave para o SUG, pero é dramática para a UDC. No momento da súa fundación, a UDC ocupaba o derradeiro lugar no financiamento por alumno —posto que non abandonou aínda— e presentaba importantes deficiencias en infraestrutura (a máis lacerante é a total inexistencia de residencias universitarias públicas nos campus da UDC). Entre 2004 e 2009 déronse pasos decididos para ir superando a situación de desequilibrio combinando xestión ordenada e realista con avances. Mais coa chegada do novo goberno en maio de 2009, paralízase a resolución do concurso de construción da residencia universitaria, suspéndense a dotación de infraestrutura con cargo a fondos FEDER comprometida por 10 millóns de euros, dificúltase o crecemento do parque tecnolóxico, suprímense os centros da Innovación do Plástico, do Naval, do Téxtil, etc. Tratase de afogar a UDC a través da paralización das súas apostas estratéxicas, impedindo que a UDC dese un salto cualitativo en calidade e competencia como institución de Educación Superior.

Nova Luce non só non está incómoda co feito de que o financiamento se estableza a partir de resultados, senón que apoia formulacións destas características xa que as valora como oportunidades para a mellora. Agora resulta que, despois de tanto enredar con tantas voltas, reviravoltas e indicadores deseñados ad hoc, e ante a incapacidade da Xunta para presentar un plan serio e capaz de pór o conxunto do SUG nunha posición favorable para competir coas universidades do mundo, a saída á situación é que… aplicamos criterios históricos e nos retrotraemos á foto fixa das universidades do SUG no ano 2005. Como di o vicerreitor, “lampedusianamente” cambiaron todo o plan para que nada cambie. Decepcionante.

Abofé que somos conscientes de que a conxuntura económica non é favorable, pero nun plan a 4 anos deben aparecer claramente expresados os mecanismos que permitan que esa converxencia poida realizarse. O contrario —é dicir, crear novas fendas no SUG e agrandar a xa existentes— é apostar por universidades que non serán capaces de destacar en ningún ámbito. Temos que saber que a competencia non se formula entre as universidades galegas, senón que o ámbito de actuación é hoxe en día internacional, mundial. Apostar por un SUG homoxéneo é garantía de cooperación e de avance conxunto das tres universitarias. O contrario é afundir as tres universidades e o país no seu conxunto na mediocridade.

Esiximos por tanto que da Xunta desbloquee dunha vez a construción da residencia universitaria, que se estableza mecanismos que permitan reducir a situación de atraso histórico da UDC e que se fixen uns criterios claros, definidos e xustos para o financiamento do conxunto do SUG. Mentres isto non se produza estaremos nun xogo onde algún dos xogadores xoga con cartas marcadas e o apoio do árbitro.

Versión completa do texto