12 dic 2010

Cando a verdade molesta

Os resultados das últimas eleccións ao claustro parece que incrementou a sensibilidade dalgúns que tratan de superar a súa frustración acusando aos demais das súas propias debilidades. De tanto repetilas acaban créndose as súas propias mentiras. Alégranos que estudasen con tanto detemento o esforzo que fixo Nova Luce por presentar candidatos/as ao claustro. Nós tamén estudamos as listas de candidatos tratando de atopar aos autonomeados “renovadores” ou “alternativos” pero parece que só existen no mundo virtual.

Molesta que Nova Luce diga que o 90% dos seus candidatos foron elixidos. É fácil calculalo, presentanse 80 candidatos, no sector A e B, e son elixidos 71, o resultado é que o 88,89%, redondeando o 90 %, foi elixido. Non é opinión nin triunfalismo, son datos obxectivos. O resto dos elixidos é unha lexión de independentes que, como o seu nome indica, representan moi distintas e lexítimas opcións persoais. Ou é que se quere insinuar que non son independentes e todos pertencen a algunha das agrupacións críticas?. Iso, á parte dunha falta de respecto cara a eles, é totalmente falso e sabemos por que o dicimos.

Para atacar a NL trátase de desprezar aos candidatos elixidos nos centros nos que non foi necesario realizar eleccións. Tratamos de presentar o número de candidatos necesarios para cubrir só a maioría, norma que autoimponse Nova Luce para asegurar a representación das minorías. Neses centros presentáronse o número de “independentes” correspondente aos mínimos ou, como sucedeu en dous centros, nin sequera iso polo que existen 5 postos vacantes nos sectores de profesorado. Esa é a responsabilidade dos supostos grupos dunha oposición que minusvalora ao claustro e foron incapaces de promover a presentación dun número suficiente de candidatos. Xa nos gustaría realizar eleccións neses centros, algúns dos que asignan maior número de claustrais, para presentar as nosas propostas e contrastalas con algunhas afirmacións demagóxicas que tratan de desprestixiar á UDC e o seu goberno, que se verten fóra dos órganos correspondentes sen posibilidade de réplica.

Nova Luce non quería entrar nos resultados concretos de cada centro ou candidato/a pero as insinuacións desacredítanse con transparencia. Os membros do equipo reitoral, que todos foron candidatos, foron elixidos cunha única excepción na ETS Arquitectura. Nós considerámolo un éxito. Nin se nos ocorreu comentar a situación dun antigo candidato a reitor, actual claustral crítico co equipo de goberno, que lamentablemente non alcanzou a condición de electo. Tampouco queriamos comentar que un decano, ao que tan mal lle sentou o noso agradecemento, non gaña no seu centro quedado no terceiro posto empatado, vaia por Deus, co candidato de NL e ademais un dos membros do seu equipo decanal nin sequera é elixido. Isto si que é un éxito esmagador.

Nova Luce evita polémicas estériles, pero xa non pode permitir que se amenta unha vez máis á comunidade Universitaria. Quixo agradecer o apoio recibido a un proxecto representado por persoas que se presentaron baixo unhas siglas recoñecibles e para o claustro Universitario, ao que lle esperan catro anos de traballo. Esta é a nosa proxección de futuro, nada máis e... nada menos. Parece que molestou a quen nin sequera foron capaces de presentarse ante os seus compañeiros e que están noutra guerra que agora non toca. Tempo haberá para ese novo reto no que, non teñan dúbidas, Nova Luce estará.