4 may 2010

Claustro

O pasado día 16 celebrouse na Maestranza a reunión do claustro na que o equipo reitoral presentou a memoria das actividades realizadas no ano 2009, ano chave para pór en marcha os procesos necesarios para afrontar os desafíos do Espazo Europeo de Educación Superior. Nunha clara demostración de transparencia, a memoria recollía en moitos casos datos dos cinco últimos anos, o que permitía comprobar a evoluciónde distintos aspectos da xestión universitaria. O texto completo da memoria foi posto a disposición dos e das claustrais a través da rede unha semana antes da celebración da sesión. Mais parece que, dada a extensión da memoria, ese período non foi suficiente para a oposición. Algo avanzamos. Noutros tempos a memoria entregábase o mesmo día do claustro mais non había problema xa que eran uns poucos folios. Para que informar.
O texto completo da memoria pode ser consultado no seguinte enlace.
A presentación dos principais datos por parte do reitor foi breve e rigorosa. A seguir comezou un debate aberto. Aínda que a mesa do claustro limitou as intervencións a cinco minutos, a aplicación flexible do regulamento permitiu que en ningún momento se limitase o uso da palabra a ningún claustral, por moito que algún dos membros da oposición sobrepasase amplamente o tempo asignado, para poder dicir logo que se lle impedía falar. A pesar da provocación, e aínda que o reitor lle lembrou que sobrepasara con fartura os cinco minutos, puido falar todo o tempo que quixo.
Outra cousa é o que se dixo. Os representantes do PDI opositores ao actual equipo de gobernorealizaron unha crítica abstracta, con argumentos xerais, sen base nos datos presentados, e cunha visión parcial e nesgada. O discurso é sobexamente coñecido: todo vai mal, o peso da UDC perdeuse, estase a perder competitividade, etc. E o gran argumento: a UDC retirou a Torre de Hércules do logotipo (unha modificación, por certo, realizada no ano 2008). Acusouse ao equipo reitoral de realizar unha política de malgasto, cando a memoria demostra que este ano a UDC mantén, e mesmo incrementa, o nivel de investimento. É, por exemplo, o caso das bolsas. Isto só pode facerse polo rigor da xestión económica dos últimos anos. Sinxelamente, non leron a memoria ou, se a leron,decidiron non ter en conta os datos pois estragaban o seu discurso, prefabricado, demagóxico e ocorrente.
Fronte a esta situación, o quipo de goberno e os representantes de Novaluce realizaron unha análise crítica, valorando os acertos e recoñecendo as debilidades sobre as que haberá que actuar. A propia memoria pon negro sobre branco a fotografía actual da UDC. como indicou o Vicerreitor de Estratexia e Planificación Económica,o plan estratéxico, que todos aprobamos, está a resultar unha ferramenta valiosísima á hora de actuar. Na memoria aparecen os datos reais tal e como son, sen maquillar, para permitir unha análise realista da situación actual. Como dixo un membro do equipo –en resposta á intervención dun destacado claustral da oposición (por certo, actualmente responsable da avaliación externa do SUG) na propoñía ao ao reitor que “non enviará á Consellería eses datos”–, os datos son os que son, e nós non os disimularemos para que a fotografía sexa máis favorable. Isto chámase transparencia e rendición de contas. A oposición está noutra onda: escurantismo e distorsión da realidade.
Nunha cousa si estamos de acordo, como dixo un antigo candidato a reitor: a oposición non existe.Pero non porque decidise non oporse e colaborar. Non, simplemente, non teñen ideas, nin alternativa crible e ilusionante, nin ganas de traballar para a UDC, unicamente intereses particulares. Nin está nin se espera que estea.