11 may 2010

Un exemplo de como defender responsablemente un servizo público

A defensa do servizo público pasa por asegurar a súa sustentabilidade no medio e no longo prazo. Isto significa que os seus usuarios deberán "administrar" responsablemente o emprego que fan del e, doutra banda, os xestores deberán articular todos aqueles resortes que garantan a correcta provisión do servizo sen abandonar os principios de eficacia, eficiencia e equidade. Na Universidade da Coruña, temos unha experiencia recente de como se pode racionalizar o uso dun servizo amplamente empregado por unha parte importante da comunidade universitaria: as aulas Net, e nomeadamente da posibilidade de o alumnado imprimir documentación facendo uso das súas instalacións.

Como todos lembramos, hai xa mais de 4 anos a UDC instalou, grazas ao financiamento dun patrocinador, os equipos necesarios para a impresión nas Aulas-Net. Inicialmente só se estableceu o pagamento das impresións de cor e estimábase que este permitirían cubrir os custos de todas as impresións, tanto de cor como de branco e negro. A experiencia puxo de manifesto un gran crecemento da impresión en branco e negro, que provocou un déficit superior aos 100.000 € anuais, alén dos indesexables e evidentes efectos ambientais. Para atallar esta evolución, que claramente estaba a pór en compromiso a continuidade dun servizo amplamente usado, decidiuse fixar para 2010 o número de impresións de balde en 300 copias, semellante ao promedio de impresións por alumno e curso. Cada impresión por riba desa cifra cobrarase ao prezo de custo de 0,016 €/ copia, de xeito que, se un alumno necesitase imprimir 300 copias adicionais, lle suporía tan só un desembolso total de 4,80 €.

En conclusión, pódese observar como este axuste razoable e perfectamente xustificable permite asegurar a continuidade deste servizo baixo os devanditos criterios de eficacia, eficiencia e equidade.