25 mar 2011

Valedor

O claustro universitario ven de elixir a Enrique Martínez Ansemil como valedor Universitario. Trátase dun feito que pode ser perfectamente cualificado de "histórico" ao ser o primeiro valedor da UDC escollido por votación do claustro. En consecuencia, constitúe a culminación dunha serie de reformas emprendidas para dotar á UDC dun funcionamento aberto, transparente e participativo e, asemade, significa o cumprimento dunha compromiso electoral formulado nas últimas eleccións ao claustro de Nova Luce.

Queremos agradecer publicamente aquí o labor realizado por Enrique Martínez Ansemil, quen, como home de diálogo e de consenso, asentou a súa candidatura nun amplo proceso de diálogo cos distintos grupos e organizacións de profesorado, estudantes e PAS presentes no claustro. Estas conversas converteron o Prof. Martínez Ansemil no candidato a valedor de toda a comunidade universitaria e isto reflectiuse con clareza no claustro do día 25 de marzo. Agora, todos e todas os que formamos parte da Universidade da Coruña desexámoslle, ao até agora claustral, a mellor das sortes nas súas novas responsabilidades porque do seu labor depende en gran medida o éxito do modelo de garantías e transparencia da UDC. Estamos seguros que as desenvolverá con principios éticos, solvencia, autonomía, independencia e transparencia. Boa sorte.

Por último, cómprenos agradecer a todos os membros do claustro a confianza depositada no valedor electo e o esforzo de cada un/ha para conseguir este logro colectivo tan importante para a comunidade universitaria da UDC.