5 oct 2011

Visita a ETSE Camiños, Canais e Portos

O director da Escola, Manuel Casteleiro, realiza a presentación de Xosé Luís Armesto, que inicia a súa intervención mostrando a súa preocupación pola contradición aparente entre a consideración social da universidade e o feito de que os reitores tivesen que emitir un comunicado unánime en defensa da Universidade Pública. Considera que é un indicio da difícil situación, actual e futura, da Universidade, con escaso apoio político e institucional.

A súa proposta para a Universidade da Coruña baséase na eficacia da institución e na eficiencia na prestación do servizo público da educación superior, tal e como se veu realizando até agora. Neste novo período, é preciso abordar medidas para incrementar decididamente a internacionalización das nosas actividades, e procurar a cooperación como elemento básico de eficiencia. Ao tempo, medidas como a implantación da simultaneidade de estudos permitirán acrecentar a competitividade da nosa oferta académica: vimos de facelo con Turismo e Empresariais, que se une a Dereito e Economía, impartida desde hai anos.

No turno de debate o público asistente recoñece que neste período realizáronse avances incuestionábeis no funcionamento xeral da Universidade da Coruña, mais aínda hai cuestión por resolver: a situación do edificio do CITEEC, o funcionamento da OTRI ou a xestión económica dos proxectos son exemplos claros do que hai que mellorar. Xosé Luís Armesto sinala que se dotaron os servizos de Arquitectura e Investigación, dúas carencias na nosa universidade, mais que precisan maior rodaxe; que as normativas estatais e autonómicas de xestión dos proxectos son cada vez máis complicadas (case non hai normativas internas adicionais), e que estamos sometidos a continuas auditorías. En todo caso, aposta por potenciar a xerencia, fundamentalmente nestas áreas de xestión, como unha medida que pode contribuír a resolver os problemas existentes. O debate continúa con preguntas sobre o número de horas presenciais por crédito ECTS, os elementos valorados na produción científica, a solicitude de proxectos tecnolóxicos, etc. Xosé Luís Armesto responde que algunhas destas cuestións contemplaranse na implantación do plano de dedicación académica individual. Para finalizar o público pon de manifesto a necesidade de abordar a adaptación do persoal de administración e servizos ás novas necesidades do espazo europeo de educación superior.