4 oct 2011

Visita a Facultade de Dereito

O coordinador de Nova Luce no centro, José Manuel Busto Lago, fai a presentación do candidato ao reitorado, Xosé Luís Armesto, que inicia a súa intervención agradecendo a asistencia de todas as persoas presentes. A seguir subliña a necesidade de defender a universidade pública, a ausencia dun financiamento acorde coa súa importancia e coa súa valoración social, e pon de relevo a eficiencia da Universidade da Coruña que desenvolveu as súas actividades sen recorrer ao endebedamento. Sinala como retos para o futuro manter a satisfacción dos titulados coa formación recibida e realizar un esforzo maior en investigación e en transferencia.

O público asistente intervén a propósito do Servizo de investigación, das funcións da OTRI –que non ten unha actividade proactiva de apoio na solicitude de axudas europeas e na internacionalización en xeral–, da estabilización dos contratados Ánxeles Alvariño; pola racionalización da docencia e o incremento do tamaño dos grupos. Xosé Luís Armesto sinala que se poden apoiar os servizos de apoio á investigación, e a xestión en xeral, reforzando o equipo de xerencia; aposta por potenciar a Vicerreitoría de relacións internacionais; comprométese a estudar as posibilidades de progresión docente dos Ánxeles Alvariño mais subliñando que foi a Xunta quen suspendeu os programas e que a universidade non pode substituílos; marca a aposta da Universidade da Coruña non polos grupos grandes, senón polos reducidos, que facilitan a atención personalizada ao estudante.