3 oct 2011

Visita a ETS de Náutica e Máquinas

O Director da Escola, Álvaro Baaliña, presenta a Xosé Luís Armesto, quen explica as circunstancias en que Nova Luce decidiu promovelo como candidato a reitor.

A situación financeira, estatal e autonómica, está nun momento moi difícil. O plano de financiamento, tal e como está redactado hoxe, non o podemos aprobar, pois non ten en conta as deficiencias históricas da Universidade da Coruña nin presenta medidas para que, nun futuro, se poida resolver esta situación. Somos a universidade peor financiada do SUG, e cun menor cociente profesor-alumno, que loxicamente afecta á docencia: a pesar disto, fomos rigorosos e non incorremos en débeda. Cando se elaborou o plano de financiamento de 2004 existían estes mesmos problemas; por iso incluíuse un fondo de nivelación, escaso mais simbólico: neste plano o fondo desaparece.

O público pon sobre a mesa varias cuestións: o profesorado da Escola, profesionais da navegación que acceden á universidade cunha idade que dificulta a súa incorporación á investigación; a proposta de modificación do grao presentada pola Escola para tratar de solucionar o problema das prácticas que dificultan o desenvolvemento do grao actual; a preocupación polos datos do Observatorio ocupacional, que mostran os titulados de Naútica como “en paro” cando en realidade están a facer as prácticas obrigatorias; a necesidade de mellorar a web e a implmentación de moodle; a necesidade de manter as axudas propias á investigación; a residencia universitaria; a política de promoción de PAS; a xestión e eficiencia dos servizos centrais; a dotación de técnicos par laboratorios e talleres; a xestión de convenios de prácticas.

Xosé Luís Armesto responde que un dos déficits que arrastra a nosa universidade é a escasa dotación de PAS mais que neste momento non se poden facer promesas de incremento de persoal pois non serían realistas; que ten intención de manter as axudas propias á investigación, na medida en que sexa posíbel, e que se porán en marcha axudas para a colaboración internacional; manifesta o seu compromiso cunha residencia digna con prezos públicos.