3 oct 2011

Facultade de Ciencias da Educación

O decano, Narciso de Gabriel, fai a presentación de Xosé Luís Armesto na súa dobre condición de candidato ao reitorado e Vicerreitor de Profesorado. O candidato agradece a presentación e indica que esa dobre condición, candidato e membro do equipo reitoral, ten a vantaxe de que coñece ben a universidade: o inconveniente é que é corresponsable do bo e do mao realizado polo equipo de goberno.

Na súa intervención, Xosé Luís Armesto fai fincapé en que, nesta situación financeira tan complicada, el e o grupo que representa apostan pola defensa das persoas, do persoal docente e investigador, do PAS, dos estudantes, e pola optimización de recursos humanos a través da cualificación e da mellora.

No coloquio surxen diversas cuestións que preocupan aos asistentes: a necesaria adaptación do PAS ao EEES, coa súa implicación na xestión das titulacións; pídese un novo esforzo para o recoñecemento pleno da docencia nos mestrados no POD, como se fixo co da investigación, un fito que todos recoñecen; a necesidade un plano de formación de profesorado pois a día de hoxe o profesorado non se está a constituír a partir do persoal en formación (bolseiros e axudantes). Xosé Luís Armesto toma nota das achegas do público e, en relación co acceso do profesorado universitario, sinala que é necesario repensar as vías de acceso pois a situación mudou radicalmente: un exemplo, a eliminación dos contratos posdoutorais da Xunta. Lembra o plano de incorporación de axudantes que puxo en marcha a Universidade da Coruña (que non podían cubrir todas as necesidades docentes), que deu bos resultados, aínda que puido crear algunha disfunción. Conclúe manifestando o seu compromiso de repensar como e en que condicións se accede á carreira docente.