19 nov 2010

Facémolo posible

Nestas eleccións aplícanse por vez primeira novas porcentaxes dos diferentes sectores, máis axustadas ao seu peso real na Universidade da Coruña, e con atención ademais ao equilibrio de xénero. Co pulo das candidaturas de NOVA LUCE fixémolo posible.

En 2006, nas anteriores eleccións ao claustro universitario, NOVA LUCE presentou un programa de transformación e innovación consonte co programa electoral que defenderan, só dous anos antes, o profesor Barja e o seu equipo de goberno. Cando, catro anos máis tarde, chegamos á renovación do claustro, o grao de cumprimento daquel programa é o noso mellor aval.

Pediamos entón un claustro máis representativo e democrático e, consecuentemente, cambiamos as porcentaxes de representación que, no caso de estudantes, pasou a ser do 28% -fronte ao 25% anterior– e no do PAS dun 9% fronte ao anterior 5%. Queriamos un claustro con maior poder, malia as limitacións que introducira a LOU, e fixamos nos Estatutos o principio de elección universal para a Reitoría, fixemos preceptiva a votación do informe anual de xestión e da programación económica e limitamos a duración dos mandatos de órganos unipersoais a dous sucesivos. Convén lembralo.

En NOVA LUCE non nos conformamos. En tempos difíciles como estes, cando tantas ameazas sofren as ideas de equidade social, o noso claustro debe asentar os principios extensos e democráticos da Universidade pública, a que sustenta o progreso, non só material, da sociedade europea.

Non toleraremos que se furte o goberno da Universidade aos propios universitarios e universitarias. Defenderemos a preeminencia dos órganos colexiados nacidos da propia Universidade, da nosa experiencia e coñecemento. Faremos bandeira do financiamento público suficiente e negarémonos a calquera proceso de privatización máis ou menos agochada. A necesaria adaptación dos Estatutos que haberá de desenvolver o novo claustro ha responder a estes principios.

Son estas as tarefas que corresponden ás persoas que conformarán o máximo órgano representativo e de control da Universidade da Coruña. Fican por diante catro anos de ilusión renovada e de progreso na construción da Universidade pública, galega e de calidade que queremos e defendemos nas últimas eleccións á Reitoría.

Con NOVA LUCE, sumamos. Con NOVA LUCE, facémolo posible.