27 sept 2011

Visita a Facultade de Informática

Na aula 2.6 da Facultade de Informática tivo lugar a reunión do candidato a reitor de Nova Luce, Xosé Luís Armesto, con membros do PDI, do PAS e do estudantado. Tras a presentación do Decano, Alberto Valderruten, o candidato indicou que, aínda que non están convocadas formalmente as eleccións, varios profesores expresaron a súa intención de presentarse. Un deles é el mesmo que, co apoio de Nova Luce, encabezará unha candidatura continuista a respecto da que representa José María Barja. A súa exposición iníciase pondo de manifesto a contradición entre o feito de que a universidade pública é a terceira institución mellor valorada e de que os reitores tivesen que elaborar un manifesto na súa defensa. Na súa opinión isto débese a que, aínda que todos os representantes políticos consideran o ensino, a xeración e transferencia do coñecemento primordiais no desenvolvemento da sociedade, á hora de financiar a universidade impóñense restricións preocupantes, cada vez maiores. Xosé Luís Armesto pon enriba da mesa cuestións que deberían ter resposta nas propostas programáticas de todos candidatos: as taxas, a política de admisión de alumnos, o peche de titulacións con pouca demanda, a gobernanza, o financiamento por obxectivos, etc.

O candidato de Nova Luce afirma que a nosa universidade demostrou que é unha universidade eficaz: creáronse grupos reducidos par a docencia, sen financiamento adicional e sen recorrer ao endebedamento, e a satisfacción dos nosos titulados é máis alta que a media estatal. A Universidade da Coruña é eficiente na xestión dos recursos, a pesar de que ocupa os últimos postos en financiamento por estudante do estado: infelizmente o plano de financiamento que se está a discutir non só non soluciona esta situación, senón que tampouco corrixe os desequilibrios históricos.

O capital humano que constitúen os estudantes, o PDI e o PAS é básico para o futuro da Universidade da Coruña. Demostrouse na aposta pola mellora do persoal e da súa cualificación. Un exemplo: nos últimos 8 anos, incrementouse nun 40% o profesorado doutor estable. Agora temos o reto de incrementar a actividade investigadora e a súa calidade, mais sen caer en movementos pendulares que afecten á formación ou á docencia, na que a nosa universidade presenta bos resultados: hai que lograr un equilibrio entre ambos os aspectos.

No coloquio o público intervén para expor a súa inquietude pola política de taxas, as infraestruturas da Facultade –o edificio anexo que está en fase de construción–, a situación do grao en Informática e a captación de alumnos. Exprésase tamén a preocupación pola xestión, en especial a da investigación, a necesidade de apoio aos grupos de investigación, e o papel da Universidade da Coruña no sistema de I+D do SUG. Xosé Luís Armesto indica que no programa que se está a elaborar contemplaranse medidas nese sentido. Pregúntase tamén pola situación da residencia universitaria. O candidato informa das xestións que se están a realizar para a súa construción e indica que é moi urxente que ese desequilibrio se corrixa canto antes, pois a inexistencia dunha residencia universitaria pública está a afectar xa á captación de estudantes de distintas titulacións.