21 sept 2011

Visita á Facultade de CC da Educación Física e do deporte

Coa visita á Facultade de Ciencias da Educación Física e do Deporte iníciase a rolda de vistas que Xosé Luís Armesto, candidato a Reitor de Nova Luce, realizará aos centros da Universidade da Coruña. Estas visitas teñen como obxectivo presentar as liñas xerais que guiarán o programa electoral e recoller as propostas e as inquietudes da comunidade universitaria, para poder incluílas no programa se está a elaborar.

O candidato, acompañado por membros de Nova Luce, reuniuse co equipo directivo –encabezado por Rafael Martín Acero– e, posteriormente, con membros da comunidade académica (profesores, PAS e estudantes). Xosé Luís Armesto reivindicou o labor realizado até o momento, e deseñou as liñas mestras que nos permitirán facer fronte aos retos do futuro. Explicou o modelo de universidade que Nova Luce defende en asuntos tan relevantes como o financiamento, as taxas universitarias, o acceso á universidade, o mapa de titulacións, a política de profesorado, a investigación, etc.

O debate posterior centrouse en cuestións como a organización e xestión do practicum (obrigatorio na Facultade), a valoración da actividade docente; os planos de estabilización do profesorado; a organización, promoción e xestión do PAS; a xestión da calidade; as enquisas de satisfacción do estudantado, etc. Tras máis de dúas horas, o encontro concluíu cunha chamada á defensa da Universidade como unha institución activa e eficiente que responde de forma satisfactoria ás funcións de docencia, investigación e transferencia de coñecemento que a sociedade demanda.