11 jun 2010

Campus da Sustentabilidade da UDC

O pasado día 31 de maio, a Universidade da Coruña presentou ante o Ministerio de Educación o seu proxecto “Tecnoloxías para a sustentabilidade económica, social e ambiental”, dentro dá convocatoria de Campus de Excelencia Internacional (CEI) correspondente a convocatoria de 2010. Esta presentación é resultado dun longo proceso desenvolvido pola UDC con rigor e seriedade, que fixo que a UDC decidise, cremos que con bo criterio, non presentarse de présa e correndo á primeira convocatoria que tiña cabida para poucas universidades (5) e de gran tamaño. A UB, que ten un tamaño superior a todo o SUG xunto, necesitou unirse coa UPC para poder obter o selo e a USC obtén una credencial únicamente de un ano e de carácter rexional. Ao longo deste proceso tentouse ter en todo momento informada á comunidade Universitaria: As liñas mestras do CEI foron presentadas polo reitor no Consello de Goberno, no Claustro celebrado o 16 de abril, o CEI foi un dos eixos que motivaron as visitas aos centros desenvolvidos polo equipo de goberno aos centros da UDC que se desenvolveron ao longo destes meses para permitir unha información directa do Equipo de Goberno á comunidade Universitaria, etc.. Antes da presentación pública o reitor informou a toda a comunidade universitaria das liñas básicas da proposta. A información debeu ser adecuada xa que até un membro destacado da oposición recoñece na prensa que se decatou antes como profesor universitario que como cargo público, como cremos que debe ser. As solicitudes de CEI son proxectos estratéxicos, de longa duración, e relacionados co desenvolvemento futuro da Universidade. Son unha etiqueta xa que o financiamento adicional que se podería obter é en forma de créditos reembolsables que representan unha pequena parte do custo do proxecto total. Non é un proxecto de equipo, é un proxecto de Universidade. Por tanto son de desenvolvemento institucional e de integración das institucións universitarias nos seus ámbitos económico-social no que se atopa e ao que serven. Este feito pon de relevo a temática elixida pola UDC xa que permite o desenvolvemento equilibrado da UDC do futuro dunha forma transversal e integradora de todos os campos de coñecemento nos que é competitiva nosa universidade. A Universidade puxo do seu parte todo o necesario para obter a etiqueta de CEI, un proceso altamente competitivo. Esperemos, polo ben da UDC, que o resultado poida ser favorable, e se non seguiremos traballando na mellora da UDC.