18 jul 2011

Reparto FEDER 2011, as cifras

Segundo informa a Xunta de Galicia, as universidades do Sistema Universitario de Galicia percibirán no ano 2011 un total de 7,81 millóns de euros procedentes dos fondos FEDER para infraestruturas científico-tecnolóxicas, montante que será incrementado co 30% adicional de cofinanciación. O obxectivo é que as tres institucións conten co equipamento necesario para o desenvolvemento das súas actividades de investigación.

A distribución desta contía en base a calidade dos proyectos presentados e decidida nunha reunión da Comisión Nacional de Selección de Proxectos FEDER, é a seguinte: a UDC, percibirá 3,61 millóns para o desenvolvemento de 12 proxectos, a USC disporá de 2,47 millóns para 18 proxectos e a de UVIGO contará con 1,72 millóns para catro proxectos.

Estes son os datos: 3,61 millóns de euros, que si se engade o 30% de cofinanciación, fan un total de 5,15 millóns de euros totais de investimentos para a UDC. Esta distribución supón que a UDC recibiu o 46% dos fondos destinados ao SUG. Se a isto engadimos que o proxecto que recibiu a mellor puntuación na comisión ANEP, tal e como informou o equipo de goberno no último Consello de Goberno, é da UDC temos que felicitar aos nosos responsables de investigación pola elaboración e calidade dos proxectos enviados.

Estes proxectos, maioritariamente solicitados institucionalmente polo Vicerreitorado de Investigación da UDC, son para a creación de infraestruturas xerais que permitirán pór a disposición dos investigadores e investigadoras medios e instalacións para o desenvolvemento da súa actividade investigadora.

Desde Nova Luce congratulámonos do resultado e animamos ao Equipo de Goberno a que siga traballando para pór a disposición dos investigadores/as da UDC as infraestruturas necesarias para que os resultados da investigación poidan seguir incrementando non só en cantidade senón tamén en calidade e impacto na comunidade científica internacional.