20 jul 2011

ASISTA, realidades

A Xunta de Galicia ven de informar da concesión a UDC dos fondos necesarios para a construción do Centro de Innovación Tecnolóxica para a Autonomía Persoal dos Maiores e os Colectivos Dependentes (ASISTA). Estes fondos, incrementados no 30% de cofinanciación, fan un total de 5,86 millóns de euros.

O ASISTA ten como obxectivo converterse no centro de referencia no relativo á autonomía dos maiores e os colectivos de dependentes. O novo edificio estará situado no Parque Tecnolóxico da UDC en Elviña. Con 4.000 metros cadrados construídos, as principais funcións do futuro ASISTA xirarán en torno a tres áreas biomédicas como son a xerontoloxía; a neurociencia e rehabilitación; e a medicina e calidade de vida.

Este en unha peza mais no proxecto a longo prazo elaborado polo actual equipo de goberno da UDC que, tomando como base o seu plan estratéxico, colocou ao Parque Tecnolóxico como peza clave para a potenciación da investigación, a transferencia e a internacionalización das súas actividades.

Nova Luce non pode mais que reafirmase na súa aposta por este camiño emprendido fai case oito anos e nas medidas adoptadas polo actual equipo de goberno que leva a practica o modelo de universidade plural, aberta, participativa e transparente que sempre defendemos e seguimos a defender co apoio maioritario da comunidade da UDC.