21 oct 2010

A UDC no CEI do Campus do Mar

O Ministerio de Educación acaba de facer pública a relación de proxectos de CEI que reciben a distinción na convocatoria do ano 2010. Entre os que mereceron a distinción de CEI na súa categoría de campus rexional atópase o Campus do Mar "Knowledge in depth" que recibiu un financiamento en créditos reembolsables de 5,3 millóns de euros.

A proposta do Campus do Mar realizada pola Universidade de Vigo, que a lidera, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña, e conta coa participación do CSIC e o IEO e está formado por unha potente agrupación de I+D mariño, que pon ao servizo desta iniciativa a súa experiencia en docencia, investigación e transferencia das ciencias e tecnoloxías do mar.

Esta consideración de CEI permitirá potenciar a relación entre os grupos de investigación da UDC e as empresas e fomentar a investigación e a transferencia dos grupos de investigación da UDC en catro grandes liñas: a) Observación dos océanos e o cambio global, b) conservación do medio ambiente, aproveitamento enerxético e uso sustentable dos recursos mariños, c) xestión integral da zona costeira, e d) innovación, progreso tecnolóxico, competividade e xestión empresarial nas actividades relacionadas co mar, entre elas a construción naval, tradicional en Galiza, como medio de mantemento do emprego e desenvolvemento.

O Campus do Mar consta dunha escola internacional de posgrao que permitirá impartir másteres e programas de doutoramento conxuntos de todas as universidades que participan no proxecto, o que facilitará a internacionalización das actividades de formación de posgraduados e realización de teses doutorais desempeñados polos investigadores da UDC en estes campos.

Neste momento compre recordar que neste proxecto, coordinado pola Universidade de Vigo, tamen participan directamente a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago, que constituen a agregación avaliada, alén de algunhas portuguesas e centros de investigación. Esta circunstancia (a unión de varias institucións universitarias) é un activo diferencial, que foi moi valorado polo xulgado, frente a outros proxectos (por exemplo, ao Campus Vida) que unicamente era presentado por unha universidade e que non acadaron o nivel de recoñecemento ao que aspiraban.

Por tanto valoramos moi positivamente a concesión deste recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional, no que participa a UDC.

O Campus do Mar
Propostas concedidas
Resolución